QUEN PENSA o país sabe que trasladarse por ferrocarril de Vigo a Coruña, no primeiro mundo da Galicia atlántica, pouco se diferencia -en relativo e cunha pinga demagóxica- de tomar o Shangai, saíndo de Noia, para ir -un caso- a Barcelona hai corenta anos. Autobús a Santiago, logo despois chegada e parada na cantina de Curtis, e mais logo vintesete horas de Shangai. Barcelona, ou Pasajes, ou Irún¿. Sen demagoxia: Vivan en Vigo e traballen en Pontevedra, ou viceversa. Dispoñan de cinco euros diarios, mais combustible, mais seguros, mais inversión en coche. Porque si queren tentar tren ou bus precisaran cando menos unha hora para ir e outro tanto para volver: Vintecinco quilómetros. Certo que nas sociedades agrarias o tempo non é ouro, e mesmo é un galano que nos fai a vida. Por eso debe ser que quen se ocupa de mellorala -ó cabo os gobernos- non atendan en Galicia a ese parámetro. Non é novidade a falla de infraestructuras. Nin que vivimos nos últimos tempos na opulencia -relativa e irreflexiva- das rexións obxectivo 1. O relativo -esa opulencia- lévanos a que a entrada de novos países na Unión Europea faga que, relativamente, pasemos a seren caseque ricos. E con elo aló van os Fondos de Cohesión, mais tamén o soño inmorrente de seguir sendo rexión obxectivo un. E seica non fixemos ben os deberes, ou planificámonos mal, ou as carencias carenciosas , que diría Cantinflas, eran abondo mais daquelas que atreveramos a pensar para lles dar solución. O certo é que acordamos de Santa Bárbara cando trona. Ou mesmo non. Pero os lóstregos empezan a se ver aló no lonxe. Seica se fixera un Plan. Certo ou virtual, tanto me ten. E logo de feito, prometido e confirmado, estoupa o primeiro problema dos fondos europeos. Non só rematan no 2007, senón que aquelo que queda por gastar non da para todo canto se pensou no fachendoso plan. Eis onde está o noso problema. Non quero comparalo ó conto da formiga e a cigarra porque non, mais na autocrítica a se facer semellase. Agora andamos por ver como virala. Os galegos e o Estado. Para os galegos é necesidade, e convén facer as contas por dereito. Aquelas económicas e tamén as políticas. Pois de non facelas, os plans -e pode que con eles moito da vida de cada día- serán tan reais coma o emporio industrial construído pola leiteira na súa ensoñación.