A friaxe definitiva

OPINIÓN

16 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

EN OCTUBRO de 1974 os Estados Unidos preparábanse para un inverno de neve ennegrecida polos restos do caucho sobre o asfalto. Conducindo haigas bebedores de gasolina, había unha sensación deprimente, de fin e desastre. Os estudios científicos aseguraban que en trinta anos non ía ficar petróleo no mundo; a maior crise da Humanidade estaba a comezar coas subas do cru logo repercutidas no prezo do galón. As solucións propostas eran: aforro, aproveitamento das enerxías renovables, investimento na fisión nuclear limpa e -obxectivo final- na fusión nuclear. Pasaron trinta anos e non faltou petróleo. As técnicas de extracción avanzaron, o fluído marabilloso foise acadar nos recantos mellor gardados da natureza, a miles de metros da superficie da terra e do mar. Mellorouse o aforro, xogouse á ecoloxía coa enerxía solar e coa eólica; pero a fisión nuclear converteuse en politicamente incorrecta. E os pequenos soles dos xeradores de fusión seguen confinados no maxín dos físicos. «Que veinte años no es nada», di o tango; e trinta pouco máis se o sol aínda vai lucir durante cinco mil millóns. Nada. Non se avanzou nada. O mundo soporta unha crise arrepiante porque non se fixo nada na ordenación enerxética. Todo segue a xirar arredor do petróleo, de Arabia Saudita, Nixeria, Venezuela, Iraq... e, ás caladas, países que parecían existir só nas aventuras do Tintín. Nada, salvo guerra e destrucción, para as que se empregan inmensas cantidades de enerxía (do petróleo e dos explosivos). En momento de nova crise, de alarma cotiá na estación de servicio, unha cifra vén á cabeza, redonda e tal vez falsa por curta: o programa «nuclear» que desembocou nas explosións de Hiróxima e Nagasaqui custou dous mil millóns de dólares dos daquela. ¿Imaxínase o que se podería facer investindo hoxe o equivalente en independizarse do petróleo? Algo de moito máis impacto na Historia do mundo. Pero non se fai; e trinta anos máis dan para recear da friaxe definitiva.