O circo de Bono

OPINIÓN

O MINISTRO BONO (hai que dicilo así para evitar confundilo co cantante de U-2) ten esa rara habilidade: consigue que calquera cousa na que participa, por seria que sexa inicialmente, acabe convertida nun circo. Xa se trate da retirada de Iraq, que rematou na comedia da medalla auto-concedida, ou xa sexa a súa toma de posesión aquela, que parecía a escena do balcón de Bienvenido, Mr. Marshall , Bono transforma calquera faena en charlotada. A última, esta cousa tan estraña que se chama Desfile de la Hispanidad e que en mans de Bono se volveu aínda máis estraña. O disparate comezárao xa Aznar, cando se lle ocorrera poñer a desfilar ós marines norteamericanos pola Castellana nun xesto que, máis que celebrar o descubrimento de América, fixo que moitos se preguntasen se descubrila non fora en realidade unha equivocación. Pero de Bono o martes foi máis alá aínda: quitou ós norteamericanos pero meteu ós franceses (en honor da Liberación de París en 1945), aos italianos (¿por que?), aos ex-combatientes republicanos e á División Azul. A este caos sumoulle aos familiares das víctimas de ETA, do Yak-42, as dos do CNI e a prensa española, e sabe Deus quen máis. Xa posto, Bono colleu a Ofrenda a los Caídos e conseguiu un imposible: corrixir a José María Pemán sen melloralo: «No supieron morir de otra manera» pasou a ser, enigmaticamente, «no supieron vivir de otra manera». Aparte o respecto que merezan todas estas persoas, un non pode evitar preguntarse que terá que ver todo isto coa Hispanidade (sexa isto o que sexa) e co día da Pilarica. ¿Que pintaba alí unha homenaxe á Liberación de París, feito só marxinalmente relacionado coa viaxe de Colón? E, coa de cousas que había no programa do PSOE ¿por que era prioritario homenaxear ao exército de Hitler, no que ían encadrados os homes da División Azul? Vale que «no supieron vivir de otra manera» pero, ¿é iso escusa abonda para o que o tribunal de Nüremberg considerou crimes de guerra cometidos naquela campaña? Pero en fin, así é Bono, quen unha vez máis, conseguiu deixar a todo o mundo coa boca aberta: aos votantes socialistas, aos pobres sudamericanos, que non deberon entender nada, e ata imaxino que á Virxe do Pilar, que se, como di a copla «no quiere ser francesa» moito menos aínda quererá ser alemana.