18 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O LUNS pasado puxeron en TVE, no programa de cine de Garci, a película xaponesa Rashomon , un dos exemplos máis claros de perspectivismo narrativo: catro personaxes contan unha historia sobre algo que sucedeu nun bosque e que tivo como consecuencia a morte dun home e a violación da súa muller por parte dun bandido. Cada unha das versións é diferente. O espectador non pode saber o que sucedeu no bosque. Pode preferir unha ou outra das versións, pero a gracia está precisamente nesa relativización da realidade, no feito de que calquera das versións é posible. Cando se estreou en Europa, hai cincuenta anos, as críticas, laudatorias na inmensa maioría, analizaron aspectos da técnica e da estética do director, Akira Kurosawa, pero ninguén aludíu a un trazo sinalado por un dos tertuliáns do programa televisivo, profesor na Escola de Cinematografía: «É unha das películas máis misóxinas e machistas da historia do cine». Despois, el mesmo comentou que estaba sorprendido de que ninguén no momento da estrea comentase algo que hoxe salta á vista e que non se pode deixar de sinalar. A tertulia, en efecto, centrouse nese aspecto para matizar ata qué punto a misoxinia e o machismo eran propios do director ou da sociedade nipona. Coido que esa mirada diferente a unha película antigua ilustra ben os avances que en materia de igualdade entre homes e mulleres se teñen conseguido. Hoxe calquera persoa medianamente culta decátase de inmediato da discriminación que unha muller pode sofrir polo so feito de selo. Hai cincuenta anos eso pasaba inadvertido. Decatarse dun problema é un primeiro paso para resolvelo. Mal se pode arranxar o que non se ve. Aquela muller que dixo: «O meu home pégame o normal» seguía aínda nos tempos de Rashomon . Pero aínda hoxe morren cada día a mans dos seus homes mulleres que reclaman unha liberdade á que teñen dereito. Avanzamos moi despacio. Cincuenta anos para decatarse de que a muller de Rashomon é unha víctima é ir a velocidade de tartaruga.