SETEMBRO. Comezo dos cursos, escolar e político. Chega aos cidadáns unha repetida sensación de Babel, ou de Babeis porque o mundo non é un só: son moitos, e aínda máis as linguas que neles entran en conflicto. En Galicia falan os normalizadores dun «galego amable» (se cadra en contraposición ao que a algún político fai odioso); noutras partes de España peléxanse os demagogos polo que os filólogos definiron como inútil: a diferencia entre formas do catalán; en Bruxelas protestan por agravo os representantes das nacións con lingua e sen Estado, algunhas delas (Galicia por exemplo) con máis falantes do idioma patrimonial ca algún dos Estados menores da Unión. Conviña pois facer repaso, pobo a pobo, cada un nas súas condicións de xeografía e historia. E procurar solucións. Seguindo co exemplo, Galicia é unha comunidade con lingua propia, parte dun conxunto de grande extensión xeográfica e poboacional, o galaico-luso-brasileiro. O galego é lingua románica e moi próxima ás veciñas, sobrevive illado do portugués e asoballado polo castelán, que á súa vez é castigado polo inglés. Para educar rapaces galegos eficazmente debíanselles transmitir as súas coordenadas lingüísticas e non os enganar: o inglés é lingua importantísima, sobre todo para ler Literatura Universal, pero difícil de manexar correctamente; o portugués, idioma utilísimo para conseguir traballo ao sur do Miño e para andar por mundos con futuro; o galego, a marca a ferro da nación (velaí topónimos e apelidos) que permite entrar no portugués e superar carencias do castelán imposto. E por cima de todo o Latín que, a penas coñecido de xeito rudimentario, permite comprender mellor as falas da Latinidade. A colexios e institutos, unha suxestión: fagan seminarios de converxencia e diverxencia lingüísticas; ensinen galego, portugués, latín de raíz, etimoloxía, grafía, castelán. E inglés, e moitas matemáticas. E física, e alemán. E mandarín, pero despois de teren a casiña varrida.