O MUNDO chií debe estar atento ao que acontece en Nayaf. Moitos pensarán que non se atreverán a reducir pola forza o santuario de Alí. Parece que os norteamericanos non se atreven a enviar aos seus homes a loitar, corpo a corpo, cos milicianos chiís, aínda que eles teñen mellores armas, e así machacan con bombas de gran potencia dende a poderosa aviación que teñen. Algúns chiís coidarán que os ianquis non se atreverán a facer o mesmo co mausoleo de Alí; eu recordaríalles a estrofa de aquel poema de Nicolás Guillén: «...quizás no maten esos soldados / eres un tonto de tomo y lomo» . Cando a petulancia ou a fachenda estupidamente imperial dos propietarios das armas e dos recursos que monopolizan os ianquis, fíxose coa licencia de matar para chegar a onde queren e o asoballamento dos pobos non hai inimigo que se lles resista porque eles exercen o maior terror, legal ou non, disfrazados de demócratas que moitos papanatas os admiran e os bendicen. Aínda que se ve que quen controla os canles internacionais de información os restrinxe, de pronto atopámonos que o Irán desafía a Israel a destruírlle a súa poderosa central nuclear. Non é unha nova pequena. O Irán ten petróleo. Tamén o ten Rusia, e vendo o que pasa en Georgia, e como os EE.?UU. están buscando amistades para instalar bases militares pola parte sur de Rusia, un pode pensar se as tropas que os ianquis queren retirar da Europa ¿non serán as que pensa destinar a esta zona sur do continente asiático? Non sabemos a onde nos levan por acó e aínda que Rusia está demostrando unha gran paciencia, sacándolle ferro a todas as cousas que fan os ianquis, non hai que esquecer que a potencia nuclear dos rusos non é menor que a dos EE.?UU., e que ningún pobo logrou conquistar a esta nación. Así están as cousas no mundo, nas que transparenta a loita polo petróleo, que se supón que está xa escaseando cando unha oferta inferior á demanda fai subir os precios. ¿Que fan os gobernos de todo o mundo occidental ante o problema que se aveciña? Pois non fan ren, ou agardan que se atopen outras fontes de combustible fósil. Certo que o problema non ten moita solución se se quere manter a opulencia da sociedade de consumo. A súa corrección será impopular. E deixan que as cousas se vaian enfrontando a medida que se vaia facendo evidente o problema. Algúns non pensan máis que en seguir construíndo máis estradas e facer inversións en cousas que comprometen máis consumo de petróleo, o que agravará o problema. Pensar en estudar fórmulas para aliviar o consumo enerxético non entra nas cabezas que gobernan o mundo occidental pois está o fantasma do paro. As empresas españolas perderon rendibilidade no exercicio do 2003. O Estado recibirá delas menos cartos e terá que reducir os orzamentos. A grande industria do turismo, a pesar do Xacobeo, semella que a nivel estatal non está logrando ser positiva xa este ano, etcétera. É dicir, a fórmula elixida polos que ¿saben? destas cousas e teñen as tixolas polo cabo, plegándose sempre aos postulados do neoliberalismo, é deixar todo en liberdade até que rebente.