AS CIFRAS non cadran, ou cadran daquela maneira, segundo quen as lea ou quen as pregoe. ¿Cantos millóns de visitantes leva movido o Xacobeo nestes sete primeiros meses de Ano Santo Compostelano, por exemplo? ¿Dous millóns e medio, como di o conselleiro Pérez Varela? ¿Un millón setecentos mil, tal que asegura a Secretaría de Estado de Turismo (Madrid)? ¿Cómo se contan as visitas? ¿Quen as conta? Outrosí tocante a outras magnitudes e compromisos. ¿Cantos millóns de euros levan entrado en Galicia dende 1996, procedentes das arcas da Unión Europea, en concepto de compensacións e en concepto de fondos para desenvolvemento? ¿Como estamos investindo esas cantidades? ¿En que? ¿Canto vai costar realmente a Cidade da Cultura (se é que alguén o sabe)? ¿E o Porto Exterior da Langosteira (a carón do Porto Exterior do Ferrol, e máis da previsible saída marítima de Mugardos, todo por xunto e a tiro de pedra, coma quen)? ¿Como se harmoniza (e financia) todo isto? ¿Cal é a situación real da nosa economía, comparada coas outras economías veciñas, non consigo mesma, que é a táctica propagandística actual? ¿Quen mide e como se mide a famosa converxencia con Europa? Dende que se inventaron as macroestatísticas estamos perdidos. Alguén, dende a tribuna que sexa (case sempre interesada), lanza unha cifra e alá imos todos detrás: os titulares dos xornais, as declaracións dos políticos, as respostas da oposición, os columnistas intrépidos... Vivimos no escaparate. «Galicia crecerá punto e medio». ¿Qué significa isto? Nin se sabe. Isaac Díaz Pardo ten unha caricatura para estes casos, que recordaba o outro día o amigo Xosé Luis Barreiro en Sanxenxo: «Galicia ten hoxe moitos máis teléfonos móbiles, moitas máis e mellores comunicacións, moitas máis parabólicas e lavabaixelas que en tempos da República. Podemos estar tranquilos». Tamén máis festas gastronómicas. Non paramos de medrar. ¿Cando estivemos mellor? ¿Cando fomos máis felices? Necesitamos contadores fiables. Parece elemental. Pero non os temos. Nunha sociedade moderna, as universidades, por exemplo, deberían ser centros de estudo, observatorios científicos da situación. Algunhas iniciativas (parciais) existen. Pero as nosas universidades (os departamentos especializados) viven nunha situación tan precaria, tan dependentes de financiación allea (procedente da Administración Pública e do poder político, cando non dos intereses do negocio privado) que as súas capacidades están seriemente limitadas. É o modelo dominante. A industria norteamericana do tabaco, por exemplo, vén financiando dende hai tempo investigacións científicas, ou que poidan pasar por tales, para contrarrestar a campaña de imaxe negativa que o consumo desta droga ten nas poboacións. O último achádego pretende convencernos de que o tabaco, malia os seus efectos perniciosos, pode ser positivo para paliar os estragos do alzhéimer. Anteriormente, a industria química USA intentou explicarnos que a aspirina producía cáncer. Logo se descubriu que do que se trataba era, simplemente, de desbancar nos mercados o consumo do medicamento europeo para substituílo por outro similar de fabricación norteamericana. Igual que sucedeu co aceite de oliva, ou co peixe azul, ou coa guerra de Iraq... Estamos instalados na propaganda. Vivimos na sociedade da apariencia e da propaganda, que substitúe á información, igual que a moeda mala despraza a moeda boa, segundo a vella lei da economía, en función dos intereses dos amos do mercado. Coas grandes cifras oficiais está a suceder o mesmo. Nunca tanto nos contaron e nunca tan pouco sabemos, nunca tan vulnerables e tan indefensos estivemos. Os cidadáns, quero dicir.