A LEI verdadeiramente eficaz contra os crimes domésticos (ou machistas, ou de xénero; o nome, que tanto se discute, tanto ten) ía ser unha lei que prohibise ás mulleres namorarse de homes violentos. Desgraciadamente, é unha lei que non pode dictar un parlamento. Mellor aínda sería unha lei que prohibise ós homes ser violentos; pero esta tampouco a pode promulgar o lexislativo. Só a Natureza ten competencia para lexislar sobre esas cousas, e, desgraciadamente, a Natureza é un pouco como o goberno de Israel: unha coalición de partidos de extrema dereita, de demagogos e tolos. Si, lamentablemente, o que decidiu a Natureza, hai xa moitos anos, na súa funesta primeira lexislatura (aquela da Evolución humana, na que se decidiu todo) foi precisamente o contrario: que moitos homes fosen violentos por natureza, e que o amor deles e das mulleres fose moitas veces unha forma de dependencia cega, a ambigua obsesión que se sae ben sae moi ben e se sae mal pode acabar en traxedia. Son unhas leis malas, pero difíciles de cambiar, e boa parte da historia da Humanidade e o esforzo por abolilas. A tentación é crer que se poden cambiar estas con outras leis elaboradas nos parlamentos, e non. Sábeno todos os xuristas: prevalecen as de rango superior, e as da Natureza tristemente o son. Creo que a nova lei integral sobre o maltrato doméstico é inequivocamente inconstitucional, pero isto é o de menos, porque evidentemente non se trata tanto unha lei como un cabreo, un puñetazo na mesa, un xesto de pánico. O peor é que será, por desgracia, inútil, porque non vai servir para protexer á maior parte das mulleres da violencia de parellas verdadeiramente criminais, e todos os sabemos. Como as leis antiterroristas aprobadas despois do 11-S, son normas que se dictan para dar resposta non ó problema en si, senón á alarma social que xenera. E como todos os pánicos, é unha reacción violenta, neste caso da violencia do Estado, lexítima, pero non sempre eficaz: violencia do Estado fronte a violencia do individuo, adoita gañar a do individuo, contra o que sempre se di, porque é máis decidido ou máis desesperado que o Estado. Ogallá me engane, pero temo é que, unha vez aprobada a lei, esa alarma social diminuirá e teremos perdido outra oportunidade de pensar, de darlle voltas, de tratar de atopar unha solución de verdade que teña en conta a natureza humana e non pretenda simplemente ignorala.