AO PASAR por unha terraza oín un coro de voces que berraba: ¡España, España! Como a cousa é tan inusitada pareime. Tratábase dos hinchas que están seguindo en Portugal a Eurocopa, aos que a televisión estatal chama «la marea roja». Os políticos deberían meditar neste fenómeno, nesta forza patriótica e centrípeta que xenera a pasión futboleira e nas consecuencias centrífugas e separatistas que pode xenerar a creación de seleccións autonómicas. É cada vez máis raro oír a alguén falar de España como do conxunto de pobos que se coñecían por ese nome dende os Reis Católicos ata hai vintecinco anos. Hoxe un porcentaxe cada vez maior de xente, cando di España , quere dicir 'a Península Ibérica excepto Portugal e Cataluña', ou 'excepto Portugal e o País Vasco' ou 'excepto Portugal e Galicia', e así ata chegar a Cartagena. Pregúntome quen serían os que coreaban a España na Eurocopa. Dicía o locutor que había alí galegos, extremeños, andaluces e machegos, pero tamén habitantes de rexións máis afastadas da fronteira portuguesa, como vascos, cataláns e valenciáns. ¿Será que aos partidos da selección só van os constitucionalistas , ou será mais ben que ante un equipo estranxeiro o sentimento de unidade é máis forte que as diferencias que nos separan? Non esquezamos que na final de futbol do xogos olímpicos de Barcelona 92 todo o Camp Nou animaba a España. O patriotismo ten unha boa dose de irracionalidade, como pode verse nos sentimentos que inspira esa patria vasca , creada por Sabino Arana no século XIX e pola que hoxe están algúns dispostos a matar e algúns menos a morrer. As seleccións autonómicas son un perigo potencial para o xa fráxil sentimento de unidade de España. Só ante as grandes catástrofes vimos agromar un sentimento que patria común. E tamén no fútbol. Sería intelixente non fomentar a rivalidade senón potenciar ese sentimento lúdico e gozoso que levaba a xente de moi diversas partes a berrar contentos e unidos: ¡España, España!