O DOMINGO, na televisión, vin ós americanos e os británicos invadir outro país, e esta vez era Francia. Pensei: «Vaites, parece que a cousa foi realmente mal na reunión entre Bush e Chirac». Pero non: Eran os veteranos do Día-D, conmemorando os sesenta anos do desembarco de Normandía, na Segunda Guerra Mundial. Decateime pola idade das quintas que participaban no asalto: eran todo anciáns que repetían as manobras que fixeran hai xa máis de medio século Quedei a velo un anaco, de todas formas. Un espectáculo aburrido, pensará algún. Sobre todo considerando que desde hai xa sesenta anos que xa se sabe quen gañou. Certo. Ademais, esta era unha repetición dunha repetición, porque lembrei de súpeto que hai dez anos xa estivera eu mesmo vendo o mesmo espectáculo no televisor, cando se conmemorara o cincuenta aniversario, e que entón escribira tamén eu un artigo coma este: Todos somos veteranos de moitas cousas, pensei, todos conmemoramos o noso pasado. Daquela fascinárame o espectáculo de varios miles de pensionistas saltando en paracaídas e arrastrándose polas praias de Francia, e fixera a broma de que agás algún que outro hematoma e algunha que outra «tarxeta dourada» extraviada non houbera baixas de notar. Pero este ano observei que os participantes eran moitos menos. A Natureza, pensei, tan tiránica ou máis que o nazismo, e sen dúbida máis mortífera que a Wehrmach , puidera con eles. Ó final é a grande vencedora de todas as guerras, e tamén de todas as paces, concluín, en clave de escritor pesimista do Barroco. Eran tan poucos e tan velliños os recrutas que corrían mollando os pés cara ás praias que, francamente, cheguei a temerme por un momento non só que se ían acatarrar senón que mesmo ían perder. Si, ían perder e Europa ía quedar en mans dos nazis xa para sempre, sesenta anos despois. Pero o temor revelouse esaxerado, e axiña se viu que os niños de metralladoras que os varreron hai sesenta anos estaban agora baleiros e non había soldados alemáns nos bunkers . O exército de xubilados nostálxicos proseguiu o seu avance cansiño, sen que soasen xa os disparos dos soldados alemáns. Coma eles, uns esperan a morte e outros xa chegaron a ela, víctimas do mesmo inimigo: a Natureza, a Bioloxía. Ó final, nesa guerra, todos somos aliados. E ese foi o pensamento co que me deixou este estraño espectáculo, esta conmemoración tumultuosa da nada.