AOS MEUS paisanos da Devesa debéranlles pagar por manter a beira do mar inzada de prados con vacas. Alén de desempeñar unha actividade productiva son auténticos xardiñeiros da paisaxe que deberían cotizar á alza na vella Europa desagrarizada. Grazas a uns poucos labregos, os milleiros de visitantes da praia de Augasantas-Catedrais poden disfrutar con prados, gando, valados de pedra e unha paisaxe viva e impagabel pero a piques de desaparecer. Pola contra, subvenciónanos por deixar de producir ou múltanos por producir leite de máis. E logo queixámonos de que, fartos de pelexar coma fixeron seus pais e seus avós, abandoen e busquen tirar unha nova rendibilidade das súas terras, vendéndoas para construir desafortunadas segundas residencias para urbanitas que arelan un anaco de mar e unha leira de fin de semana. Costas gasta millóns de euros de fondos europeos, 1'5 só nese entorno entre Barreiros e Ribadeo, para destruir a paisaxe baixo o suposto de recuperación medioambiental. Hai algo que non funciona ben en todo isto. Por toda Europa poden verse vacas na beiramar e campos traballados. Cando un percorre este país, só pode describir o abandono nas súas diferentes fases. Unha delas é a reforestación. Os prados plantados de eucaliptus son a millor proba dun abandono que empezou nos anos corenta coa reforestación masiva duns montes que estiveran sempre cheos de vacas, cabalos, ovellas ou cabras. Así seguimos. Do Caurel á Illa de Arousa pódense ir describindo as formas dese abandono lento e teimudo que ningunha administración é quen de revertir. Antes diso, todas as políticas aplicadas incentívano sen máis alternativa que vivir da subvención por non traballar e convertir o mundo rural nun espazo turístico que non se sabe quen vai coidar. Dous galegos, a nova ministra de Agricultura e máis o xefe da oposición, enchéronse nas últimas semanas de presentar como éxito ou fracaso, respectivamente, as negociacións agrarias coa Unión Europea en relación coas subvencións ao olivar, o algodón e o tabaco. Aí os colocou a súa posición á fronte de partidos estatais, tendo que reclamar que Europa financie produccións mediterráneas de dubidosa rendibilidade mentres esquecen as nosas. Non só queda pouca agricultura en Galiza, tamén poucos economistas agrarios. Un dos millores, o profesor López Iglesias, demostra que a galega é unha das agriculturas menos subvencionadas da UE. Nin falta que fai. Abondaría con que non se desincentivara a producción. Ninguén solicita que nos financien por producir tabaco: estúpida política, contradictoria co enorme gasto da administración para que deixemos de fumar. Tampouco se trata de que financien a producción deficitaria dun algodón que non pode competir -nin debe- co dos países do terceiro mundo que poden -e necesitan- producilo. En canto ás oliveiras, non debera ser tan dificil producir competitivamente un aceite de calidade para unha demanda crecente. Decididamente, os galegos precisan ter representación en Europa para discutir estes e outros asuntos. Non podemos seguir fóra das batallas.