03 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

POLONIA E HUNGRÍA son Estados novos e relativamente grandes. Os outros oito países que se incorporan á Unión son pequenas nacións europeas. Nos innumerabeis cadros informativos sobre estes dez países que circulan nestes días, con datos de superficie, poboación, PIB, etcétera, bótase de menos un dato de carácter histórico: a data da súa fundación como Estado. Sería revelador do que significa hoxe a construcción europea. Sabemos que Malta ou Estonia son Estados pola súa historia, que a historia convertiunos en Estados. O presente sanciónaos como novos Estados da Unión en virtude de que no pasado acadaran ese estatus, pero non abonda con ese dato. Compre coñecer de onde procede esa realidade que lles permite unha posición indiscutibel na defensa dos seus intereses que se lle nega a outros territorios que queren expresarse como nacións pero que nunca se convertiron en Estados. A historia non só pode servir para xustificar senón tamén para atopar explicacións e, sobre todo, solucións. Dende 1848 ata a definitiva primavera dos pobos europeos en 1918, muitas destas nacións europeas se empeñaron en definirse como tal fronte aos vellos imperios. Non é só o caso das repúblicas bálticas, Chequia e Eslovaquia, senón tamén de Hungría e Polonia. En 1945 hai un novo refluxo das pequenas nacións ata que despois de 1989 reaparecen Estonia, Letonia, Lituania e aparecen Eslovenia, Chequia e Eslovaquia como Estados independentes. Esa singradura histórica merece hoxe unha relectura dende España e Europa para definir o modelo da construcción europea. Na nova UE van convivir grandes e antigos Estados plurinacionais e novas e pequenas nacións-estado con lóxicas diferentes. No recente congreso Galiza-Irlanda que celebramos en Compostela, os colegas irlandeses, como adoitan facer, brindaron polas small nations nun xesto que combina o orgullo de pequena nación cun sentido internacionalista e solidario que só os pequenos países son capaces de expresar. Na nova Europa, a lóxica dos grandes Estados e a das pequenas nacións non é contradictoria agás por razóns ideolóxicas e por vellas lóxicas de poder que poden e deben superarse no marco da UE-25. Compre preguntármonos se ten máis sentido a expresión dos intereses industriais de Lituania que os de Cataluña ou a dos intereses pesqueiros de Chipre ou Estonia que a dos de Galiza. A Champions League é unha expresión territorial, non estatal, desa nova Europa e permite unha lectura altamente significativa do que se pode construir. Ter unha equipa na elite do futebol supón unha potencia económica e territorial indiscutibel e nesta xeira dúas das equipas das semifinais pertencen a esas pequenas nacións. O asunto adquire pleno significado se situamos nun mapa de Europa aos catro semifinalistas, pois a combinación quixo que na próxima final da Champions se asegure a presencia dunha equipa deste curruncho noroeste da Península Ibérica. Alí estará a vella Gallaecia, sexa a Lucense ou a Bracarense. En calquera caso: ¡Forza Dépor!