O vidro e o lixo

OPINIÓN

17 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

BOAVISTA, rotonda con xardíns e columna magnífica, bronces bélicos á entrada do Porto, capital do Norte portugués. No arredor repítense curiosos retratos do cuarteto dos Azores: Durão Barroso, Blair e Bush a toda cor, Aznar en branco e negro. O Bloco de Esquerda advirte que xa caeu o primeiro dos catro. Os medios portuenses informan de frases críticas entre Durão Barroso e Javier Solana sobre o retorno das tropas españolas no Iraq; e das retiradas de combate da ministra dos negocios estranxeiros de Portugal e do voceiro do PSOE. O asunto dana as relacións dos socios ibéricos da Unión Europea, require calma e conversa. Bacallao e tinto alentexano. Os galegos declarados aseguran aos seus parceiros galegos non confesos («do Norte») que Aznar e Rajoy caeron pola interacción de todo: Prestige , Iraq, Atocha e -principalmente- a soberbia do suxeito descolorido no cartel do Bloco, empeñado en non emendar nada... Elviña. Polo campus coruñés repítense cartelóns ecoloxistas, a pregoaren que «O vidro non é lixo». Os que voltan do Porto comentan entre eles que alomenos o PP de Galicia non é coma o de Madrid, porque emendou o castrapo dunha frase anterior neses carteis. A campaña para a reciclaxe do vidro, dirixida á xente nova, é responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente, que soubo corrixir. Un algo é máis ca nada, certamente. Pero cunha corrección nos carteis non se corrixen os erros que levan a cultura galega á morte. Os gobernos de Fraga non deron atallado a sangría de rapaces formados nas universidades do país, cos que saen para terras alleas o coñecemento superior e a consciencia de nación. Eses gobernos veñen practicando unha política lingüística temerosa de patrióticos ardores centralistas, o seu bilingüismo harmónico é só agónico, non hai neno que se incorpore ao galego desde a escola, non se gañan falantes, non se vence o dragón do autodesprezo... En fin: se o vidro xa non é lixo, a política lingüística aínda o é.