ALVEDRO. Exasperados, fóra de horas, Ib (curtísimo nome dinamarqués) e John (nome común inglés) conseguen aterrar nun « little, provincial airport ». Teñen futboleiras referencias do «La Coruna Deportivo» e fan preguntas inconvenientes sobre A Coruña dos carteis e La Coruña de Iberia e do Dépor. Porto, o vello Portu Calae, que deu nome a Portugal. Discusión en inglés para que entendan os chegados de Dinamarca e Inglaterra. Fica claro entre galegos e portugueses o absurdo de La Coruña: Coruña non é termo exclusivo do galego; hai unha Coruña del Conde en Burgos. Os casteláns case nunca puxeron artigo aos nomes de lugar. Só llelo poñen aos de bisbarra ou provincia. Contrariamente, galegos e portugueses teiman en pór artigos aos topónimos. De aí que a capital do norte portugués sexa «o Porto» (transformado en Oporto polos casteláns, xuntando de oídas artigo e nome). Velaí que a capital ártabra, mencionada en galaicoportugués, sexa «a Coruña». Por tanto «la Coruña» é unha mala castelanización. O nome da cidade debería ser só Coruña. Falando en bo castelán así quedaría e falando en galego poderíaselle antepor o artigo, como á Pobra ou ao Alvedro... Matosinhos, aeroporto. Adeus. Ib voa felizmente á Dinamarca pola metade de prezo da viaxe ata o Alvedro; e John segue viaxe directa e barata cara a Nova York. O Rui (clásico nome portugués), presente na despedida, opina que « vocês galegos são malucos ». Non dá entendido como os « irmãos » do norte andan á greña por tolerías coma a de La Coruña contra A Coruña, sendo cousa dun triste artigo; e menos aínda como ninguén se pode pelexar por « aeroportinhos de aldeia» coma os do Alvedro e Peinador. Con preocupación de bo veciño aínda advirte doutra « maluquice », a ruína do Dépor: « Está falido. Deve por volta de cento e cinquenta milhões de euros. Mesmo vai fazer falir um banco galego »... Apertas. De volta, ao pasar por Compostela, o pensamento é un: un só aeroporto en Galicia, a competir co do Porto.