NON ME gustaban algunhas das promesas electorais de Zapatero. Unha mesmo me pareceu comicamente perigosa, a de poñer un ordenador nos colexios por cada dous nenos («Vanse pelexar», pensei eu de contando). As promesas electorais son así: forman parte do carrusel da campaña; non son para cumprir, son para chamar a atención. Foi só no último momento dese carrusel electoral (ninguén pode crer que exista unha xornada de reflexión, diga o que diga agora o Fiscal Xeral) cando Zapatero, inesperadamente, fixo unha promesa seria, quizais demasiado. Prometeu que o poder non o cambiaría. No teatro, esas son as frases temibles que poñen en marcha aos deuses e desencadean o drama. Veremos se Zapatero trunfa nese reto autoimposto ou sucumbe como un Fausto; ou como un Aznar, que empeza xa tamén adquirir certos xestos, certo patetismo de personaxe de traxedia. En vista dos precedentes, pedirlle a Zapatero que non cambie paréceme moito pedir. É un político, e a política consiste precisamente en crer que o poder é o que o cambia todo; por iso hai que logralo e conservalo. Confórmome con que non cambie para mal, ou que non o faga demasiado rapidamente. É aquí onde a cuestión do regreso das tropas de Iraq, en si mesma non tan importante, vai ser a proba crucial. Precisamente por todos os argumentos que se empezan a dar xa para non facelo. Precisamente porque, desde o punto de vista dos intereses políticos, supón unha complicación. Porque haberá presións das chancelerías, porque Estados Unidos ameazará un pouco. Aí veremos se o próximo presidente é un idealista ou non, se é forte ou tímido. Sobre todo veremos o que vale a súa palabra, que agora saca por primeira vez a cotización. E tamén veremos de paso o que vale a nosa. Porque a mesma sa desconfianza que nos inspiran os governantes debémonola inspirar nós mesmos. Veremos se as persoas que agora están convencidas da necesidade de apearse desta guerra global contra o terrorismo esixirán que Zapatero cumpra o prometido ou aceptarán as medias tintas que pode ser que lles ofrezan. Estes días, algúns lembraban que González tamén prometera sacar a España da OTAN. O que eu lembro, en cambio, cando penso naquel episodio, é nos millóns que se comprometeran consigo mesmos a sacar a España da OTAN co seu voto. E é que non só aos votados, tamén aos votantes os cambia o poder.