Os cerebros do «Winnipeg»

OPINIÓN

24 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

DE SANTIAGO á costa pásase unha cordilleira menor e un val no que a vista se perde sobre as viñas verdes do verán. Viña del Mar é espellismo, luxo de torres e chalés que parecería europeo se non fose polo desarranxo dos cabos de enerxía e telecomunicacións. O sol bate na xente -todos chilenos- e a auga é tan fría que só os nenos gordiños a soportan. Valparaíso é unha ruína de caserío feito en madeira e chapa, apuntalado sobre o monte. Na beiramar a ruína toca grandes casas de comercio. Sorprende polo mantemento o edificio da Mariña, e todo se perdoa pola calidade do peixe e o marisco. Nos altos érguese unha casa de Neruda, La Sebastiana, hoxe centro cultural («patrocinado por Telefónica de España, S.A.») cunha exposición de propostas de carteis para o centenario do escritor eclipsante, maníaco das visións mariñas. Pero a súa casa afamada está en Isla Negra (e alí, fronte ao Pacífico anil, o túmulo de negra pedra que Pablo comparte coa última muller). Museo barroco, revela as teimas de quen se fixo heroe por moitas razóns, entre elas a súa sensibilidade ante a desgracia de España en guerra. Unha placa de granito vermello e negro recita: «Todos fueron entrando al barco./ Mi poesía en su lucha había logrado encontrarles patria./ Y me sentí orgulloso». Asina o poeta e dedícanlla «Los españoles del Winnipeg ». Foron dous mil republicanos, salvados de Franco e -se tivesen quedado en Francia- da Gestapo. Nunca tanto fixera un cónsul particular pola súa patria como Neftalí Reyes en París: o coñecemento que fretou nun vello cargueiro superaría as expectativas de quen o agardaba en Valparaíso. Para poderen entrar no país de acollida, os cerebros que Franco afuxentaba tiveron que pasar á condición menor de inmigrante operario. Mais logo se revelarían diáspora doadora en Chile. Transmitiron sabedoría. E viviron para sufriren a dictadura que quixo emular a franquista. (Neruda foise a tempo: cancro e morfina fixéronlle a mercé).