XÓSE CARLOS CANEIRO
14 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O PAPANATISMO conquistou España. O progreso imparable da estupidez pisou a herba verde clorofila da ilusión. Os idiotas venceron. As luces agonizan. A min quédame algunha canción, como Nicholas Cage en «Living las Vegas» , La madre de mi amigo José , De alguna manera tendré que olvidarte . Perdemos. Sempre perdemos. Máis nestes días de xaneiro. A democrática e telefónica España declarou vencedora de Gran Hermano á hipermema (torpe, pija, mentecata: sinónimos): Fresita. E Zapatero pedindo que falemos inglés. O problema non é o inglés, senón a idiocia crónica á que está sometido este país. O problema non é o inglés, senón as reformas educativas de Aznar e Felipe. O papanatismo conquistou España. Precisamos unha revolución cultural. ¿Pero onde está a cultura? ¿Paulo Coelho, Potter, Operación Triunfo , Un Dos Tres , U-R-D-A-C-I, o século dezasete de Pérez Reverte, as portadas de Interviú , as novelas de usar tirar, Salsarrosa , a arte de ARCO, Mariscal, Rosa de España, Mercedes Milá? O futuro é Fresita. Permíteme, querido Ramón Valle-Inclán, que os meus labios acariñen os teus. Son un vencido. Como Max Estrella. Cesante de hombre libre y pájaro cantor. ¡Viva o esperpento! ¡Viva!