De Rafael Dieste ó caso de Sada

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

11 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

TAMÉN podía titular estas notas: «Dende a Constitución do ano 31 á desfeita do ano 36», ou «Da Constitución do ano 78 á conquista do petróleo do Iraq», ou, se me apuran un pouco, «Da guerra de Yugurta á conspiración de Catilina, según Cayo Crispo Salustio», (quen fala do exceso da prosperidade), e como antídoto dos padecementos da condición humana recordar aquela recomendación de Confucio para que esixamos moito de nós e non confiemos nen agardemos ren dos alleos, e así aforrarnos disgustos. O sábado, cando escribo estas notas, teño a satisfacción de rematar de firmar a medio de documento público a entrega á Fundación Sargadelos da biblioteca e os demais papeis de Rafael Dieste, que doan sobriños de Carmen Muñoz, a compañeira inseparable de Rafael, da que, por certo, Charo Portela e Xosé Luís Axeitos están preparando un denso epistolario, pois a personalidade e o prestixio de Dieste tiñan un tanto eclipsado o valor desta muller, non para quen vivimos perto deles. Como se sabe, Carmen e Rafael coñecéronse nas Misións Pedagóxicas, e o frechazo foi tan forte que durou toda a vida sen interrupción, sobrevivindo durante trinta anos o difícil exilio. Sábese tamén que Carmen pertencía a unha familia de Extremadura, concretamente de Plasencia, e hoxe chegaron dende alí os tres sobriños cos seus cónxugues para comprir ese mandato de que as cousas dos Dieste fiquen na Galiza. A capacidade de improvisación sumada á relatividade coa que vía as cousas Rafael era proverbial. Conservo un debuxo que improvisou nunha libretiña cadriculada namentras falabamos das inxustizas que se cometen en nome da xustiza. Outra volta, vendo o busto espido dunha rapaza escribiu: «Teño dous bultos no peito / o que ti pensas que o esquerdo / teño pra min que é o dereito». E nun intre que se falaba de quen non se portaran ben en Sada, sentenciou: «Craro, de Sada sádicos». E se hoxe vivise e se enterase do que está pasando nesta vila seguro que se lle ocorrería un poema musicado (pois tamén compoñía música) como esa canción de Sabah que está servindo de himno á resitencia iraquí. Certamente é lamentable que na condición humana se teña desenvolto a especie dos tránsfugas (en función dese exceso de prosperidade da que fala Salustio). Pero non é menos lamentable que alguén se aproveite desta especie para os seus negocios. Estou totalmente de acordo co meu vello amigo don Manuel Fraga en que tales prácticas non se poden aceptar na nosa convivencia, ademais de que a estas alturas, precisamente, poden causar máis dano en quen menos se pensa. Se coidamos que estas prácticas destructivas están amparadas ou toleradas por certos legalismos teremos que chegar á conclusión de que os lexisladores ou os ponentes constitucionalistas fixeron códigos e cartas magnas para amparar as inxustizas. Se este sistema non se poidera corrixir pensaría que esta democracia non mellorou a certas dictaduras, a de Franco, Pinochet, e case case a de Bush.