ALÓ VAI outro ano e seguimos sen selección galega. No político e no cívico deu ben de sí. A dereita quedou sen sucesor en Galicia, confiando, fidel á súa historia, no sucesor en Madrid e o nacionalismo substituiu ao seu Gandalf-Beiras por Frodo-Quintana. Os socialistas axudaron a que gobernase o PP -en Vigo, como en Madrid- e decapitaron outravolta aos máis galeguistas dos seus. As mobilizacións contra a guerra sumáronse ás do Prestige, creando o espellismo de que en Galicia medraba algo moi novo cando en realidade eses galegos xa estaban aí. Despois de emocionarse, a oposición frustrouse nas municipais cunha sociedade para a que é máis doado expresar opinións que mudar de voto. Por algo será. Neste contexto, o decimoquinto aniversario do triparitito (PSOE-CG-PNG), que pasou desapercibido no pasado setembro, convírtese nun punto de referencia, renovado pola formación do tripartito catalán. Para unha parte da sociedade representara a ilusión da alternancia, de ter o poder necesario para cambiar a forma de gobernar. Para outros supuxera a fin do monopolio do poder e do seu exercicio privilexiado. Aquel breve pero intenso período de goberno segue sendo, tres lustros despois, a proba de que a democracia, en canto alternancia, existe en Galicia. Goberno tripartito foi convertido por Fraga en sinónimo de bellaquería política, e hoxe, o de Cataluña, preséntase como o mesmo demo. O papel que no imaxinario da dereita ten aínda a coalición de nacionalistas, republicanos e social-comunistas da República ten algo que ver con esta demonización. Aquí e agora, vai sendo hora de ler aquel tripartito á luz crítica do presente, para ver aquel PSdeG de Laxe indignamente tutelado e nunca respetado por Madrid. Lembremos a poderosos grupos de comunicación madrileños, voceiros oficiosos do PSOE, aliados con Fraga na condea ao felón Barreiro e atribuindo o que pasaba en Galicia ao ancestral caciquismo galego. Ao presidente de Galicia indo a Madrid a falar por teléfono con González. Os socialistas en Galicia non lograron sobreporse a toda aquela deslexitimación moral. Non demostraron autonomía e conformáronse con pedir permiso. A outra pata daquel goberno era un nacionalismo de centro esgazado en dous e en plena deriva post-Franqueira-morten. Unha parte del, preocupado polas partillas e sen autoestima, demostrouse incapaz de asegurar o poder que xa tiñan fronte ao tesouro dun poder seguro que só un ameazante Fraga parecía ofrecer. Foron varridos electoralmente coa colaboración dun PSOE no papel de inxénuo fagocitador. Aquel episodio tamén amosou o medo do nacionalismo de esquerdas a gobernar. Un PSG-EG, facedor de completos programas, que non se atreveu a aplicalos nun goberno e que despois de favorecer co seu voto aquel cambio converteuse deseguido no peor crítico do tripartito. Ao cabo, igual que aquel BNG que non puido ir alén da abstención, aínda que Beiras foi quen de establecer unha relación amábel. Aquilo marcou o principio do cambio na hexemonía do nacionalismo de esquerdas. O posterior desnorte da oposición fronte a Fraga permitíu o crecemento do BNG como única oposición críbel ao ciclón da dereita.