Incidente en Verín

OPINIÓN

15 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

VERÍN, castelo sobre o val de Monterrei, belísimo, tinxido de ocres outonais; parador de turismo, nobre e alto tamén. Unha nobilísima orde de cabaleiros con capa e chapeo celebra o seu magosto anual, ao que asisten damas: cata de godellos e mencías, e xantar no que cabrito e cogomelos se xuntan ao froito rei do san Martiño. Hai espectacularidade nunha parte da cerimonia, con gaiteiros vestidos á moda antiga. Compréndese logo a curiosidade de turistas que, pasando pola autovía das Rías Baixas, decidiran facer parada en Verín. Acabada a cata avanzan solemnes os cabaleiros, con estandarte e donas divertidas. Os foráneos miran, e de entre eles xorde unha señora a preguntar en castelán en que consiste o rito. Co mellor dos sorrisos un cabaleiro xuramentado para defender os viños galegos dálle clara explicación na lingua natural do país. Daquela a viaxeira reacciona airada: «Oiga, oiga, a mí en castellano», ao que o cabaleiro amante do viño e as castañas lle responde en galego que a cousa non é para tanto, que ela ben lle entende pois o castelán e o galego son falas irmás, moi semellantes. Nunca tal fixera porque o marido da visitante salta como impulsado por un resorte: «¡Esto sí que es nacionalismo, qué bárbaro! ¡Vámonos, vámonos!»... Na mesa do xantar coinciden persoas de distintas idades e profesións, desde a escultura á enxeñería pasando pola avogacía e a elaboración de viños. A conversa vai desde sereas de bronce no paseo marítimo coruñés aos caldos do Douro, e mantense entre galego e castelán, segundo lles peta aos comensais. Un deles, natural da áspera Castela a Vella e parceiro de negocios no fértil Rosal dos viños, mostra vontade de comprender e aprender, goza coas peculiaridades da fala das Rías Altas, identifica a parrocha como «la xouba del norte»... Na fin da xornada fraternal coméntase o incidente: con españois rexeitadores do minimamente distinto, ¿cómo manter España unida? Se cadra, pola intelixencia superior doutros.