Javi Maneiro: «Cando tes un pé na morte e a sorte de renacer, xa non vas aguantar cousas que non che gustan»

FUGAS

msanz photographer

O 24 de novembro Heredeiros da Crus anunciaba que o seu cantante deixaba a banda. Dende entón, non houbo declaracións. Ata hoxe. Maneiro explica os motivos da súa decisión e fala do seu novo proxecto musical, coincidindo coa publicación de «A miña mellor versión»

16 ene 2026 . Actualizado a las 12:50 h.

A noticia convulsionou a escena musical galega. Un dos seus grupos emblemáticos, Heredeiros da Crus, anunciaba a través dun comunicado nas súas redes que, despois de 33 anos na formación, o seu cantante, Javi Maneiro, deixaba a banda. Nin o protagonista nin o grupo deron máis explicacións. Ata hoxe. Maneiro rompe o seu silencio coincidindo coa publicación de A miña mellor versión, a canción que supón o punto de saída da súa nova etapa en solitario. «Son consciente de que vou deixar a un lado o que é tocar en grandes escenarios, con moitísima xente e con moitos cartos a gañar no verán. Pero é que iso non é o que necesito neste momento. O que necesito é cantar as miñas propias cancións. Necesito ser e non só estar», relata.

—A primeira pregunta é obrigada: por que decidiu abandonar Heredeiros da Crus?

—A miña primeira crise foi no 2012, cando a banda aceptou incluír a miña canción Corasón de carballo no disco Jard Rock con fe, pero decidiu non tocala en directo porque dicían que era unha mariconada. Iso doeume moitísimo. Creo que aí estivo o minuto cero de todos os problemas que fun acumulando e que alarguei, pois fíxate, ata o 2025. Está claro que o grupo ten unha idea moi clara e definida a nivel de letras, pero se eu como cantante non podo defendelas e transmitirllas á xente como algo no que eu creo, aí temos un problema. E iso estaba pasando dende hai moito tempo.

—Cal foi a gota que colmou o vaso?

—Este último disco, Trankimasín, no que por primeira vez en 33 anos con Heredeiros, negueime a gravar unha canción. Dixen: «Eu isto non o podo cantar, esta letra non vai comigo». Con 52 anos non podemos escribir da mesma maneira que con 20. Pero a canción saíu no disco. Aí foi onde pensei: «Aquí morreu todo, tío». E tomei a decisión de marchar, porque estaba seguro de que nos discos seguintes ía haber máis noes. E non era só un problema para min, tamén o era para a banda.

—Cando anunciou que marchaba?

—En xuño avisei á nosa axencia de contratación que o 31 de outubro, tras o concerto de Ourense, eu ía deixar a banda. Pero pedinlle que, por favor, non lle dixese nada ao resto do grupo porque crearía unha situación complicada. Xa para min ía selo porque nesta xira, cada cidade, cada festa era unha despedida en silencio.

—Cando e como llo anuncia á banda?

—Despois do concerto de Ourense convoqueinos no local de ensaio e díxenlles á cara o que eu pensaba e polo que me ía. A roupa sucia lavouse aí. Iso é algo que queda na nosa intimidade e que hai que deixar repousar e descansar.

—Molestoulle o comunicado?

—Do comunicado non me gustou que se me fixese responsable da cancelación dos concertos que saíron despois de que eu avisase de que marchaba. Eu avisei con tempo de sobra como para que, se querían seguir, puidesen encontrar un cantante. Penso que o que pasou é que non me creron.

—Sorprendeulle algunha reacción?

—Lin todos os comentarios cantos houbo sobre a miña marcha e nin o 2 % foron malos. Enorgulleceume, porque vin que teño moito cariño por parte da xente.

—Cando bota a ollada atrás, gaña o bo ou gaña o malo?

—Gaña o bo, sempre. Mala experiencia non achega sabedoría. E se quedas co bo, é máis fácil encontrar a paz. Ademais, é a única posibilidade de avanzar. Eu de Heredeiros quedo con todo o bo que pasamos xuntos, que foi moitísimo, e con todo o que logramos.

—Enténdese Heredeiros sen Javi Maneiro?

—O meu espírito sempre vai estar aí. E se eles queren, a min vanme ter para o que queiran. Sen dúbida.

—Ata que punto o seu accidente cardiovascular do 2022 influíu tamén na decisión?

—Moitísimo. No momento no que tes un pé na morte e tes a sorte de renacer, o que te propós de maneira clara é que non vas aguantar nin facer cousas que non che gusten. E tendo eu tanta paixón pola música como teño, non concibía que para min se convertese en ir ao traballo. Só me sentía de verdade pleno cando ía tocar en solitario.

—Vaise presentar como Maneiro ou como Javi Maneiro?

—Javi Maneiro era o cantante de Heredeiros. Agora vou quedar só con Maneiro. É o apelido de miña nai e eu quero enfrontarme a este novo camiño coa mesma fortaleza que ela tivo para sacar a toda a familia adiante cando morreu meu pai.

—Cales son as diferenzas que imos atopar entre o Javi Maneiro de Heredeiros e este novo Maneiro?

—Principalmente, as letras e a forma de contar as cousas. Eu non podo nin quero falar por boca dun rapaz de 20 anos. Eu teño 52 e quero escribir sobre o que me vén á cabeza neste momento. Quero buscar a miña mellor versión e iso é o que vou facer.

—Precisamente «A miña vella versión» é o título da primeira canción desta etapa.

—Si, é unha declaración de intencións moi clara. De encontrar a paz en min mesmo e intentar ser feliz co que faga. Pero ollo, non toda a letra ten que ver con Heredeiros. Tamén fala moito dos problemas reais da miña vida. Porque para min Heredeiros é unha parte importante, pero non o é todo.

—«Despois de terme equivocado», di nesa canción. Equivocouse moito?

—Mogollón. É que a única maneira de aprender é equivocarse. Se te equivocas moitas veces, hai menos posibilidades de que volvas cometer ese erro. E tamén senta as bases de que é o que non che gusta.

—«Non aporta quen desprende mala vibración». Dío por vostede ou polos demais?

—Polos dous casos. As persoas que viven na mesma frecuencia tenden a xuntarse, pero cando unha persoa non che dá boa vibración, o mellor é que a deixes pasar. E iso fixen. Aprendín a dicir que non. Eu antes non era capaz porque era a miña banda de toda vida e eramos moi amigos.

—«Son a miña única opción é tamén o meu peor inimigo», canta. Ségueo sendo?

—Si, si. Teño claro que houbo cousas que se puideron ter feito mellor e fíxenas conscientemente mal. Pero ese peor inimigo que habita dentro de nós mesmos é co que temos que aprender a convivir.

—«Pasar tempo só pode ser un chute de enerxía». Que aprendeu na soidade?

—É como facer exame de conciencia. Dolor de los pecados (ri). Escoitarte a ti mesmo e dicir: «Que podo facer para mellorar as cousas?». Estar só e en silencio é a única maneira de atopar paz e curar feridas.

—«Todas as lágrimas que había chorei e non me fixo mal». Isto é unha metáfora ou chorou de verdade?

—Verdade absoluta. Hostia, eu despois desa reunión coa banda chorei bastante. Hai xente que cando pasa por unha dor moi grande, non é capaz de chorar, pero co tempo dáse conta de que só será capaz de dar un paso adiante no momento que chore. E chora en soidade.

—«Deixar de ser quen es, non vale a pena».

—É que iso trae moitos problemas. Iso é perigosísimo para os meus adentros.

—«Paz, eu quero paz, non quero guerra», remata dicindo.

—Non quero guerra con ninguén nin guerra interior miña. Con Heredeiros discutín moitísimo. Como discuto coa miña muller ou coas miñas fillas na casa. Pero xa cansei de discutir.

—Prefire estar calado a discutir?

—Agora mesmo, si. Prefiro deixar que as cousas amainen, e logo poder falar doutra maneira. Porque cando falas en quente, a maioría das veces equivócaste.

—Que é o que máis ilusión lle fai desta nova etapa?

—A incerteza do que poida pasar. Eu vou poñer todo da miña parte, todo o meu corazón e toda a miña ilusión en enfrontar este novo camiño e en ser eu mesmo.

—E o que máis medo lle dá?

—Medo non teño ningún. Sei que vou ter que picar moita pedra, pero eu son un tío currante, así que vouno intentar. Estou seguro de que me arrepentiría toda a vida se non tivese dado este paso.

—Ten metas?

—Ningunha. O que eu necesito neste momento é desfrutar cantando o que escribo, é a única maneira de sentirme pleno. E despois, que pase o que teña que pasar. É a xente a que vai decidir onde me van levar.

—Musicalmente, que diferenzas vai atopar a xente no novo proxecto de Maneiro?

—O bonito de cando escribo unha letra é decidir como vestila musicalmente. Haberá algunha que vaia moi producida, pero a miña idea é intentar facelas da maneira máis sinxela posible. Gústame moito o pop-rock e a canción melódica, así que esa será a base.

—No 2021 dicíame: «A carreira en solitario dáche posibilidades de arriscar, de facer algo distinto». Vai arriscar agora?

—Evidentemente. Veño de ir por unha autoestrada, por un camiño moi marcado e moi definido, que era o que tiña a miña banda. E agora o que quero é saírme da autoestrada, meterme polas comarcais e descubrir aldeas e sitios distintos. E cada sitio xerará sensacións diferentes en min que plasmarei en forma de música.

—Está preparado para as comparacións? Porque vai ser inevitable que xurdan.

—Si, seino, pero dáme igual. Que pensen o que queiran. Só pido que se opine con educación e con respecto. E a quen non lle guste, pois perfecto.

—Seguirá lendo os comentarios nas redes?

—Si, vounos ler todos. Sobre todo con esta primeira canción quero saber o que a xente di. Non vou contestar nin entrar a discutir, porque non quero facer das redes sociais unha taberna, pero si teño interese en coñecer o grao de aceptación que teño na xente. É importante manexar eses insights.

—Que plans ten para despois deste primeiro sinxelo?

—Quero preparar unha xira de teatros para o mes de marzo, logo quero sacar unha segunda canción e facer unha pequena xira de salas. E de seguido, publicar un terceiro sinxelo xa de cara aos festivais e aos concertos de verán. A miña idea é, con eses tres sinxelos, máis a canción que saquei o ano pasado, Anxo no inferno, e outros temas que xa están en proceso de prearación, sacar un disco completo a finais de ano.

—Como serán os seus directos?

—Empezarán con bastante caña para ir baixando despois ao estritamente acústico: un home e unha guitarra cantando, que é como nacen as cancións, e rematarán de novo cañeiros con toda a banda: Rubén Cores, Pachi Cruz e Fernando Calvo.

—Que repertorio fará?

—De Heredeiros só vou tocar Corasón de carballo e Soñei, que son os dous únicos temas desta última época que considero meus, de verdade. Logo, quero centrarme nas cancións do meu disco de Un bonito despertar, que é un disco que creo que aínda está por descubrir. E, por suposto, algúns dos novos que conformarán o meu próximo álbum.

—Hai uns días escribía nas súas redes: «Isto non é un final, é un comezo diferente».

—É que deixar Heredeiros non significa que todo se acabe. Ao contrario, é un punto de partida. É iso, un comezo diferente.