O Carlos

CÉSAR CASAL GONZÁLEZ

OPINIÓN

| O |

09 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ANTONTE en Ferrol o vento ía ferido. Xa saben de quen falo, ¿non si? O xornalista Ramón Loureiro presentaba unha pequena biografía sobre o Carlos. A Fundación Carlos Casares vive un fermoso romance con Ferrol. Os ferroláns foron os primeiros en ter o sentido común, o de Carlos, de adicarlle unha praza. A biografía (A Nosa Terra) que veu a luz é un traballo de artesán, ben pulido. Na mesa falaron moitos. A viúva puxo o brillo das lágrimas no veludo dos ollos. Loureiro foi breve, só un grolo, non quere foco este case franciscán da alma. Pero falou o suficiente para enterarmonos de que Carlos Casares era, en realidade, enxeñeiro, coma Juan Benet. Un tendía pontes para facer de Galicia a Suecia do Atlántico, e o outro facía encoros. Os dous prendían literatura no lecer. O acto celebrouse no centro Torrente Ballester. Ata niso saiu ben, o Torrente chiscándolle un ollo de vidro o Carlos. Alí quedou aberta a mostra sobre as cousas de Casares. Doe perder un dos tipos que máis nos unían, un dos que peor entendería a opera bufa sen diálogos de Vigo. No libro e na exposición quedan o gato Samuel, a locomotora Paulina, as leicas, o Orient Express, xoguetes dun home ao que lle tiñamos que ter prohibido o navallazo sempre trapeiro da morte. cesar.casal@lavoz.es