A GRAN BRETAÑA gabea polos paralelos ata latitudes escandinavas; por iso é illa de fríos. Terra do maior imperio que o mundo coñecera, encheuse de xentes exóticas, a penas unidas pola lingua imperial. Pero ás veces dáse o fenómeno da calor en verán, das suores que chegan perna abaixo ata o verde impoluto do lawn ; e fican lugares onde quen serve as cervexas é louro, onde todos os fregueses son paisanos -menos, se cadra, uns visitantes de país que sempre chamou a atención dos británicos, co que quixeron vivir en paz malia a obediencia borbónica a Francia. Feitas as negociacións no centro de transferencia tecnolóxica, o director ofrece ir coñecer un veciño que estivo na guerra civil española; e presenta un ancián rexo, algo duro de oído «por culpa de tanta explosión», que conta a súa vida introducindo palabras castelás. Era un rapaciño cando abandonou a RAF «para ir loitar contra os fascistas de Franco». Chegou a Barcelona na esperanza de practicar cos avións rusos e meterse de contado a derrubar bombardeiros alemáns e italianos. Pero foille imposible, toleárono entre anarquistas e comunistas; mesmo o meteron na cadea acusado de espía. E volveuse, defraudado, «como o George Orwell, que se chamaba Eric Blair». O rapaz que non puido loitar contra os franquistas e os expedicionarios do Führer e o Duce logo tería unha grande ocasión na Batalla de Inglaterra; e en todo o que seguiu. Pero Eric Blair volveu de Cataluña amargamente tocado, «cun tiro na gorxa» e sen forzas para manexar máis armas que a máquina de escribir. Con ela criticou o comunismo, zorregou duramente o stalinismo e rematou carreira profesional e vida escribindo Rebelión na granxa e 1984 . «Orwell foi un tipo politicamente incorrecto, algo que non se admite nin en democracia», asegura o vello piloto de caza. Por iso, quizais, ao se cumprir o centenario do nacemento de Eric Blair na India, non se fala moito del no país de Tony Blair. E case nada no do seu acólito Aznar.