A conquista da memoria

OPINIÓN

04 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O 14 DE ABRIL comenzaron os saqueos. Axiña correu a noticia de que Sadam Huseín abandora a cidade, xentes de moi diversa condición, instaladas na cultura da rapina, o mercado negro e a supervivencia, iniciaron os asaltos. Primeiro aos supermercados, logo ás propiedades privadas máis accesibles, despois ao patrimonio nacional: a memoria histórica. Xa na primeira Guerra do Golfo, en 1991, o saqueo dos museos e as bibliotecas foi espectacular. Daquela desapareceron arredor de 8.000 pezas só do Museo de Bagdad. Desta vez fálase de 800.000 documentos, manuscritos, mostras arqueolóxicas, obras de arte, libros e obxectos diversos en todo o país, rapina que, de seguro, aparecerá nos circuidos dos mercados clandestinos, nas coleccións privadas do chamado Primeiro Mundo. Tamén este é un capítulo da guerra. A Historia repite este espectáculo cunha teomosía estremecedora. Hai dous mil anos, cando as lexións de Xulio César entraron en Alexandría (48 d.C.), os exércitos de ocupación destruiron 40.000 manuscritos da famosa biblioteca, considerada xa entón o primeiro centro de saber do mundo. Contan as crónicas que, informado o xeneral romano do que estaba a suceder, ¡o incendio da gran memoria da Humanidade!, respondeu: «É unha memoria infame, deixade que arda». Unhas veces por razóns simbólicas (e políticas): asoballamento e humillación do inimigo; outras veces por razóns económicas: o tráfico de bens culturais, o caso é que a historia volve unha e outra vez polos seus peores pasos. A pedra Rosetta, código base para o desciframento da escritura xeroglífica exipcia, acabou no Museo Británico, logo que o francés Champollion a levantou en 1822 en Exipto, durante as campañas de Napoleón. O mausoleo de Alicarnaso está en Berlín. O Louvre, os grandes museos de Europa (a Europa dos imperios) foron levantados en grande parte a partir de saqueos que nunca volveron ao seus lugares de orixe: Exipto, Mesopotamia, Grecia, Turquía, o continente africano¿ A arte, o discurso da cultura (os libros), son a representación simbolica da memoria dos pobos. Nada máis entrar en Granada, o cardenal Cisneros ordenou queimar os 5.000 libros da súa biblioteca. Posuir os obxectos, conquistalos (ou destruilos), é unha maneira de posuir ou destruir as mentes e os corazóns das persoas que os crearon. Igual que algúns grandes magnates compran e presumen das obras de arte para reafirmar nelas o seu poder particular, os grandes Imperios arrepañaron, sempre que puideron, a palabra dos conquistados, exhibida despois nos grandes espacios da representación (os museos), cando non en espectáculos públicos, coma os grandes xefes vencidos das culturas indíxenas nos Estados Unidos ou na Arxentina no século XIX, que eran ofrecidos para diversión das xentes nos circos e nos teatros. Parecía que xa non era así, reformuladas as relacións entre os pobos nun novo código internacional de respecto polo que cada patrimonio representa, e velaí os últimos acontecementos. Nunha fotografía de axencia vemos a dous cidadáns iraquís, un home e unha muller, chorando nas instalacións do Museo de Bagdad, recén abertas logo dos últimos saqueos. Das pezas roubadas só unha mínima parte apareceu. Non sabemos a razón das súas bágoas, por máis que os pés de fotos intenten interpretalas, se son de emoción polo recuperado ou de espanto polos resultados da hecatombe.