AS DECLARACIÓNS de George Bush asegurando que o Consello de Seguridade da ONU debería «impoñer» a autonomía para o Sáhara ocupado por Marrocos pretenden tirar por terra once anos da aplicación dun plan de paz que foi continuamente torpedeado pola parte marroquí, tal e como o diplomático norteamericano Franck Ruddy denunciou xa en 1995 ante o congreso dos Estados Unidos. As declaracións de Bush, que se inclinan por favorecer claramente a Marrocos, teñen que ver, evidentemente, cos recentes intereses petrolíferos americanos no país alauí e coa súa necesidade de buscar aliados sólidos entre os países árabes na actual conxuntura internacional. Afortunadamente, o Goberno español, por unha vez, manifestouse contra a opción apuntada por George Bush, e nesa postura debe manterse, con maior firmeza aínda, para neutralizar o feito de que, desde os comezos da democracia ata hoxe, os sucesivos gobernos españois fosen baleirando a súa memoria ata a vergoña, ata a ignominia, con respecto á responsabilidade histórica do Estado no actual problema saharauí. O Plan de Arreglo da ONU para o Sáhara Occidental está detido desde que a Misión de Nacións Unidas para o Referendo, finalmente, fixo públicas as listas de votantes aceptados, feito que abondou para que Marrocos fose aínda máis consciente de que perdería o referendo pola autodeterminación. Pero, ademais, e desde entón, o novo rei Mohamed VI bloqueou todas as saídas negociadas posibles que fosen minimamente aceptables para as dúas partes (como a partición do territorio en Norte e Sur) e só acepta esa indignante autonomía para a que conseguíu o beneplácito de George Bush. Pero se hai algo evidente neste asunto é que ese pobo nómada, confinado nos campamentos de refuxiados ou represaliado nas zonas ocupadas, coas súas familias separadas polos vergoñentos muros construídos no deserto, que viu morrer aos seus irmáns nas cadeas clandestinas marroquís, que escoita os berros dos torturados nas comisarías da DST, condenados sen garantías xudiciais, e que sabe que os seus familiares das zonas ocupadas son sistematicamente discriminados fronte aos colonos marroquís, ese pobo, dicía, non resistiu 26 anos de exilio en condicións extremas para aceptar unha indignante e anuladora autonomía. Porque, desde hai moitos anos, loita simplemente pola propia identidade: polo dereito a existir.