Arturo Noguerol

ISAAC DÍAz PARDO

OPINIÓN

08 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

REMATAN de tirar do prelo un opúsculo sobre esta figura do nacente galeguismo. O seu autor é Xosé Benito Reza e está editado pola Fundación Lois Peña Novo, nome tan unido no ideario co de Noguerol. Eu sabía algo de Arturo Noguerol polo que me ten contado Núñez Búa na Argentina. Este, aínda que nasceu en Pontevedra, era fillo do ourensán Núñez de Couto e con el estudou e compartiu as inquedanzas políticas de Ourense da segunda década do século XX. Os Núñez de Couto, profesores, foron os fundadores dos Colexios León XIII. Relacionando as datas de nascemento dos nomes que se citan e outros que van ter relación ideal (Risco nasce no 1884; Otero Pedrayo no 1888; Noguerol no 1892; Peña Novo no 1893, e Núñez Búa no 1897) vese que pertenecían a unha mesma xeneración e que os unía o amor á súa terra. É oportuno este opúsculo de Benito Reza pois destes nomes que cito relacionados co galeguismo que vai agromar na Auria, só a vida e a obra de Arturo Noguerol están sen estudar. Certo que Risco, Otero e Peña Novo, aínda que padeceron con distinta sorte o periodo franquista, poideron morrer na súa terra e contaron con estudosos que os recordaron. Núñez Búa, aínda que morreu no exilio, fíxoselle algún estudo da súa vida e da súa obra. Arturo Noguerol morreu tirado nunha cuneta da estada da Coruña a Ferrol, nun lugar que non se sabe. Noguerol foi fundador, con Risco, da revista neosófica La Centuria ; figurou como administrador e tamén escribeu nela. Conócense estes traballos, tamén os que ia publicar en Nós e en A Nosa Terra . En Nós , que foi posibilitada polo antecedente de La Centuria , tamén figurou como administrador. Noguerol, aínda que avogado, entrou a traballar como secretario de concellos, primeiro en Pereiro de Aguiar e Avión. No 1929 abandoa Ourense. Parece que se vai a Rianxo e logo ao concello de Serantes, hoxe incorporado ao de Ferrol. Pertencía ao Seminario de Estudos Galegos. Aparece rexistrado nun dos papeis que ficaron da expoliada institución no 36 como socio protector. Núñez Búa o rexistra nun traballo publicado en Galeuzca sobre a institución como un dos homes máis significados entre os que foron inmolados dela. Tamén está o seu nome con destacada estimanza en O Libro dos Amigos de Otero Pedrayo, redactado no ano 1945 (curiosa data dada as circunstancias), libro que foi publicado no 1953 na Editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, que dirixía Luis Seoane. O seu nome non aparece na fundación do Partido Galeguista no ano 1931. E dos seus traballos dedúcese que as súas preocupacións o levarían máis aló dun galeguismo cultural, sen renunciar a el, mais buscando as causas xustas dos homes. Como hoxe, pensaba que estas causas non son posibles nun liberalismo económico. Translucía unha certa desesperanza cun povo abandoado e expoliado en nove séculos de opresión, que non ven máis saída que a que lles poda prestar algún cacique influinte. Ao ficar tan esquecido durante tantos anos, nas notas que se fan del aparecen erros, suposicións e esquecementos paralelos. El foi centro dun núcleo no que se formou o galeguismo. Tiña un sentido práctico de posibilitar as cousas, de rexistralas e dalas a coñecer. Convén ler con atención o que di de el Otero Pedrayo no Libro dos Amigos. Urxe unha fonda investigación deste persoeiro.