Demasiada confusión

OPINIÓN

07 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

OS FEITOS, recórdolles, son os seguintes. Un tipo, que se declara misóxino a moita honra, escribe un libro titulado Todas putas no que se fai apoloxía da violación e da violencia contra as mulleres. A directora do Instituto da Muller aplaude e publica o tal libro na súa editorial privada. Diversas asociacións feministas promoven a condena do libro e a petición de dimisión da directora. Un fato de escritores firman un manifesto en defensa do autor e da editora, baseándose na liberdade de expresión e en gloriosos exemplos literarios de transgresión moral. Entre tanta confusión convén comezar dicindo que o libro, do que poden ler en Internet o conto El violador , carece por completo dos valores literarios e da fondura e complexidade ideolóxica que converten as transgresións literarias en Arte. Nin ten gracia, nin ten talento: son relatos planos, cheos de tópicos do estilo de «as mulleres din non, pero significa si», «no fondo gústalles». Literariamente a súa misoxinia non ten xustificación. Un segundo punto refírese á liberdade de expresión. Coido que calquera individuo debe poder expresar libremente as súas ideas ou gustos, pero que quede claro que quen faga apoloxía do terrorismo, da xenofobia, da homofobia ou da violencia contra as mulleres deberá aterse á condena moral que tal actitude esperta na sociedade. En terceiro lugar: un cargo político non debe aplaudir en privado o que condena en público. Non pode defender ás mulleres violadas quen promove e disfruta cun libro que, dende o título, é un insulto ás mulleres. E para rematar un exemplo: Pardo Bazán conta en Justiciero a historia dun pai que mata a un fillo porque lle roubou ó seu patrón. Clarín atacou no periódico tal sentido bárbaro da xustiza, pero o certo é que cando lemos o conto entendemos o mundo do personaxe e as súas razóns para acabar con «aquela mala semente». Eso é literatura. E, ademais, a dona Emilia non lle publicou o conto o ministro de Xustiza.