Veda e garantías

| MARCELINO MANEIRO |

OPINIÓN

SON MOITOS os científicos que se negan a emitir valoracións sobre se é conveniente ou non abrir a veda da pesca na Costa da Morte, sinxelamente porque carecen dos datos precisos para este diagnóstico debido a que as análises que se están a realizar semellan insuficientes. A falta dun estudio rigoroso lévanos a que mesmo dous organismos oficiais deran hai unhas semanas dous resultados aparentemente contradictorios: o IEO estimou que o 77% das especies entre Corrubedo e Cedeira estarían contaminadas; pola contra o Centro de Control do Medio Mariño da Xunta afirmou que o 94% das capturas en augas interiores serían aptas. Co segundo estudio non se podería fundamentar a apertura da veda xa que unicamente controlaba o nivel de 6 HAP (hidrocarburos aromáticos policíclicos) dos 16 potencialmente canceríxenos segundo a EPA, que supoñen un 0,1% da composición do fuel. O total de HAP suma o 3% (2,3 millóns de Kg na carga total), entre os que se atopan derivados alquilados deses 16 más perigosos, cunha toxicidade similar. Tamén resulta preocupante que non se monitorice a presencia de metais pesados, outro dos legados tóxicos do Prestige, pois posúen potencial carcinoxénico e son bioacumulables en organismos superiores, ou sexa, a súa eliminación é moi lenta ou nula, e o seu efecto pernicioso xorde ó acumularse sucesivas doses. Son imprescindibles máis análises para establecer que a apertura da veda non supoña un risco alimentario e, ademais, tales análises deben facerse co rigor científico preciso: toma de mostras abondosa en canto a tipo de especies, localizacións, e dilatadas no tempo, pois algúns contaminantes poden aparecer nos organismos superiores a partir dos catro meses do fuel na auga, pola baixa solubilidade ou a inclusión na cadea trófica primeiramente en organismos inferiores. Nesta sociedade, cunha baixa cultura científica, resulta doado identificar contaminación co negro chapapote, o cal visualizamos, pero é máis difícil de comprender aquelo que non vemos, e serán moitos os que non asimilen que unha peza de marisco esplendorosa á vista, pode atoparse na realidade contaminada.