Destino

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

28 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

AMAR este país resulta difícil. Enredarse no seu cabelo, abanearse nas súas ilusións, danzar con el na costa caída do Noroeste, por veces, é unha misión imposible. Eu amo este país. Namoreime del do mesmo modo que podes namorarte, ti mesmo, da persoa equivocada. E non podes evitalo. O país vota como vota. Vén e vai como un yoyó daqueles que, de neno, enfrascaban a miña risa entre as latas do inverno, cando os Reis poñían no balcón de casa unha canción, de lirios, contra a tristeza. Esa canción mantén en pé a miña fe de iluso. Fe neste país, tan difícil de amar. Fe en Muxía, O Grove, Fisterra. Fe na liberdade. Fe nos rizos do porvir musitando enigmas entre os meus dedos. Fe. Pero tamén ganas de ser o que son, tan libertario que aplaudo como poseso cada voto que vota este país conservador onde a Dereita é un credo, unha categoría kantiana. A Dereita, en Galicia, é unha filosofía. Un modo de estar no mundo, unha razón de estado. En Muxía votan Pepé e Kafka canturrea un bolero. Un voluntario chora ao meu lado mentres escribo na barra do último bar esta columna. Pido outra copa e a melancolía acaricia como un bico de ollos verdes os meus labios. Galicia vota. E o Pepé, que perde votos, volve ganar. Ese é o noso destino.