Do petrodólar ao petroeuro

OPINIÓN

Á BEIRA da noite lostreguea con furia tropical sobre o teito de palla do restaurante sen paredes. Na grella tórranse grandes porcións de carne de vacún mestizo de charolés e cebú que decora o local coas súas caveiras cornilongas. Mentres chega o asado corren daiquiris e mojitos, en terra de bo ron onde todo o cubano é moda. Falan congresistas en descanso, españois, portugueses e iberoamericanos. O tema é a unidade continental, a Unión Europea, a esperanza do Mercosur, a proposta ianqui de xuntar Canadá, os Estados Unidos e México nun espacio de libre comercio que se asemelle en indicadores socioeconómicos ao bloque da Europa ampliada.Os herdeiros das linguas de España e Portugal preguntan pola sensación da moeda común, o euro que borrou as fronteiras finalmente. Os españois quéixanse da dificultade de dividir pesetas por 166 e os portugueses confésanse cómodos coa división dos escudos por 200 para facer as novas contas.Rompe a chover. A chuvia forma cordóns e os cordóns fan cortinas no beiril de palla. Raios e tronos son un espectáculo feroz ante o que o diñeiro perde significado. Ou perdería, porque un peruano persistente lanza a hipótese de que, de súpeto, o dólar ficase sen o contravalor do petróleo; un colombiano interpreta que os estrategas ianquis non poden admitir que o chamo Chávez decida vender petróleo en euros; un cubano soña co contaxio: todas as Américas ao sur do Río Grande a negociaren as súas riquezas en euros. Daquela, ¿qué se podería facer con tantísimo dólar en circulación? Caería ao nivel da ruína. Sería a fin do Imperio Gringo.A tronada fai un receso. Unha Venus mulata con melena tinxida de platino anuncia a cea na mesa. Un uruguaio filosófico, de galeguísimo apelido, lambe a copa de daiquiri e prognostica:-Os americanos van rebentar o Sadam Hussein porque se atreveu a desafialos coa idea do petroeuro...(Esta escena aconteceu seis meses antes de que os marines chegasen ás portas de Bagdad.)