Flora Tristán

OPINIÓN

29 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

A NOVELA de Vargas Llosa El paraíso en la otra esquina atraerá sen dúbida a atención sobre a figura de Flora Tristán, unha das máis idealistas defensoras da clase obreira e das mulleres en todos os tempos. Flora Tristán naceu en París en 1804 e morreu en Burdeos ós coarenta e un anos, despois de sufrir as marxinacións que sufría naquel tempo unha filla ilexítima e pobre, unha muller casada cun home brutal, unha escritora que non respectaba os cánones establecidos para a escritura feminina, e unha ideóloga que cría que se podía facer un mundo máis xusto para as clases obreiras e para as mulleres .É difícil hoxe entender as dificultades que tivo que afrontar, os esforzos que tivo que facer para conseguir primeiro a súa liberdade individual e intentar despois que a conseguiran outros. Sorprende o número de suicidas e de tolas entre estas pioneiras da loita pola igualdade social, pero é consecuencia das terribles tensións a que estaban sometidas e das que non nos damos conta cabal.Flora Tristán púxolle como título á súa obra máis destacada Peregrinacións dunha paria , e sen dúbida foi así como ela se veu: coma unha persoa que vivía nas marxes dunha sociedade hostil e que era rexeitada incluso por aqueles mesmos ós que intentaba salvar da súa vida miserable.Ela rompía co modelo feminino que sustentaba todo un inxusto sistema social: quería facer das mulleres seres libres, cousa aínda máis dificultosa que mellorar as condicións sociais dos obreiros. Poucos meses antes da súa morte, un periódico francés comentaba así a súa visita á cidade de Saint Etienne: «¿Que sería da nosa sociedade se as mulleres perdesen a protección que se lles debe a causa da sua delicadeza orgánica, da súa longa e deliciosa nenez, da súa minoridade legal?».Gracias a mulleres como Flora Tristán e como dona Emilia Pardo Bazán, que tamén clamou contra a «eterna infancia feminina», o mundo é hoxe máis xusto. Espero que a novela de Vargas Llosa esperte o interese dos lectores por esa figura tan inxustamente esquecida.