Novelas das guerras civís

| FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO |

OPINIÓN

DURANTE uns días de lecer escollemos para lectura a tres escritores que novelaron fóra de España a guerra civil: Arturo Barea, Ramón J. Sender, Max Aub. Escribiu o primeiro La forja de un rebelde , en Inglaterra. Sender publicou na Arxentina El Rey y la Reina . Max Aub editou en México El laberinto mágico . É esta unha triloxía. Inclúe Campo de sangre , cuia acción decorre en Barcelona. Detémonos no volume do escritor Mis páginas mejores . Figuran nel fragmentos das súas novelas sobre a guerra civil, a devandita Campo de sangre, Campo cerrado e No son cuentos . Tamén, entre outros traballos, Fábula verde , de gran densidade lírica. O capital da escolma son, nembargante, as páxinas que tomou Max Aub das súas novelas sobre a guerra civil. Nelas son moi claras as intencións políticas do autor. Reflicte os seus sentimentos o personaxe que monologa en Campo de sangre : Julio Jiménez, home do común, feireante, a quen sorprende a guerra en Barcelona coa súa muller e o fillo doente. Cando «guachapea en el fango» e maldice para se desfogar da súa rabieira.«Cochino charco, cochina vida, cochina guerra, cochinos fascistas». A dor e o lixo da loita son unha constante nas páxinas de Campo de sangre . Asemade, na novela de Max Aub, como nas de Unamuno e Galdós, non falta quen diga o que solta o Málaga, personaxe dun dos Cuentos ciertos , incluídos na antoloxía: «A mi no me gusta pelear, ¿por qué le gustará a los demás?».A través dos protagonistas de Campo de sangre , pasa a primeiro termo a aura moral dos acontecementos. Tremor, anguria, desesperación, desconfianza, derrota. Todo mobilizado baixo un réxime de liberdade literaria moi fluída. Porque Max Aub acadou identificarse cos grandes mestres. Aqueles creadores de formas literarias da Xeración do 98.Pensamos que a guerra civil produciu un certo renacemento da creación novelística. Contribuíron a este renacemento, entre outros, Barea, Sender e o autor de Mis mejores páginas . É o que ocorriu, por outra banda, ó remate das loitas entre liberais e carlistas, que deron unha xeración espléndida de escritores, especialmente novelistas.Abordaron nas súas novelas esas loitas, Unamuno, Galdós e Valle-Inclán. Publicou Unamuno en 1897 Paz en la guerra , na que, segundo el mesmo dixo, estaba a revelación que lle fixera a historia e con ela o arte. Recolleu nas súas páxinas «la flor y el fruto de su niñez y mocedad». Soubo Unamuno pórse por riba da contenda. A Galdós en cambio, resultoulle máis difícil desprenderse da cárrega de simpatía que sentía polos liberais de antano.Valle-Inclán non deixou de amosar o afervoamento pola causa nas tres novelas de La guerra carlista . Salienta, sen embargo, nas novelas que sobre o tema escribían Galdós, Valle-Inclán e Unamuno, o sentimento de humanidade perante a guerra cruenta. Un dos personaxes unamunianos láiase da estraña tolería dos que por unha opinión se matan. Galdós delata o horror que lle inspiran os excesos da loita. Valle parece chorar cando amosa ó desertor, case un neno, caído boca abaixo nunha pucharca de sangue. Significativamente, o florecemento da novela coincidiu nunha e noutra ocasión co interese que espertou o tema das guerras civís.