CANDO A VIDA dun artista pasa a ser tema dunha película quere dicir que este alcanzou o cumio da popularidade. Este é o caso da pintora mexicana Frida Kahlo levada ó cine pola directora Julie Taymor e interpretada por Salma Hayek, nun papel que tamén desexaban Jennifer López e Madonna, que é propietaria de varios cadros da pintora. Frida Kahlo, que mentres viviu estivo escurecida pola figura do seu home, Diego Ribera, o pintor dos grandes frescos revolucionarios, é hoxe unha pintora case de culto, situación á que chegou da man de grupos feministas. É difícil separar a fascinación que exerce a súa vida e o seu carácter dos seus méritos artísticos, entre outras cousas porque o tema dos cadros é ela mesma: o seu sufrimento físico e moral, as múltiples operacións que padeceu, os corsés ortopédicos que a cinguían, os membros mutilados, en suma o seu corpo torturado polas dores físicas e tamén a súa alma torturada pola paixón que a unía a un home que se declarou fisioloxicamente incapacitado para a fidelidade.A loita contra a adversidade, o seu valor para afrontar as consecuencias dun accidente que fixeron dela case unha eivada ata levala á morte ós corenta e sete anos é unha das razóns que despertaron o interese das mulleres pola súa figura. Pouco antes de morrer asistiu á inauguración da súa primeira exposición individual deitada na cama da que xa non podía moverse. Foi algo teatral, sen dúbida, pero tamén un exemplo da súa fortaleza de espírito. A súa borrascosa relación con Diego Ribera, que se consideraba infiel por natureza , o divorcio, as súas propias infidelidades como vinganza, a reconciliación que excluía a relación sexual, contribuíron tamén a atraer un morboso interese pola súa vida.A película móvese neses parámetros sen entrar na problemática da súa creación artística. Contribuirá a aumentar a súa popularidade, pero non aclara nada do misterio dos seus cadros nos que ela se ofreceu como un icono, de corpo sufrinte e rostro impasible, metade víctima, metade deusa; para moitos, a encarnación da feminidade..