A CÉLEBRE fotografía que se espallou fóra das nosas fronteiras ó traveso do Caderno de Ruedo Ibérico Galicia Hoy leveina eu no ano 57 a Luís Seoane, quen chorou cando a viu, e a publicou a toda páxina na súa revista Galicia Emigrante (número 35, de xuño do 58). Cando polo ano 64 estabamos preparando o Galicia Hoy , nun dos meus retornos a Galiza pedinlle a Manuel Ferrol máis fotografías sobre a emigración e, para ser auténtico, deume as do mesmo carrete no que estaba a «célebre» e que correspondían ó mesmo embarque de emigrantes. En total, sete fotografías que se reproduciron na doble páxina de Galicia Hoy , nas que está, entre outras, esa confesión sen confesionario, no mesmo porto da Coruña. Manuel Ferrol aproveitou ese meu retorno do 64 para me amosar os moitos rexistros fotográficos que lle tiña feito ó drama da emigración e tamén a outros dramas que padece a nosa terra e que remataban na dor dos cemiterios aldeáns e nas festas que non lograban alegrar as súas vidas. As fotografías de Manuel Ferrol non podían levar naqueles tempos o nome do autor que as tirara, pois, de o poñer, Manuel Ferrol tería que agardar as consecuencias por ser o autor dunhas fotografías que supuñan unha denuncia daquel drama. Eran tempos abafantes da explotación de Galiza, que hoxe teñen outra forma técnica sobre os nosos recursos e as nosas asignacións. O marqués de Santa Cruz afirma na creación do Instituto Español de Emigración que «la emigración española ha sido la clave segura de nuestra balanza de pagos, compensando el déficit crónico de nuestra balanza comercial (...) constituyendo un importante elemento de mantenimiento del equilibrio de ciertas zonas españolas, como las provincias del noroeste...». Afirmacións que terían o mesmo eco no ministro Romero Gorría e nas afirmacións do director do Instituto Español de Emigración, Rodríguez de Valcárcel, de que «... al país entero le beneficia un drenaje prudente...». Está claro que ese instituto non se creaba para protexer ós emigrantes, senón para fomentar a emigración. Todo isto o sabía Manuel Ferrol e o rexistraba coa súa cámara. Sabía tamén que a emigración galega supuña case o 50% da emigración total española. Non me extrañaría que Manuel Ferrol morrese vendo a súa Costa da Morte invadida polo chapapote, secreción do capitalismo delincuente. O drama da emigración ten unha segunda parte que é a do retorno dos emigrantes, que volven perseguidos pola fame, que sembrou nos países ós que se foron, o expolio que fixo neles ese mesmo capitalismo delincuente -que non é o capitalismo normal-, que agora se propón masacrar ós pobos do Oriente Medio para se quedar co seu petróleo.