CADERNO DE VIAXE
15 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.VIAXE a un exótico país, imaxinado entre as rochas de Belesar que a chuvia difumina, á Galicia profunda coma as gorxas en que Miño e Sil se xuntan. En terras chantadinas fálase de Europa, dos productos das súas uvas. E das súas remolachas. Remolachas, si. Un funcionario da Unión metido a político di que o azucre é necesario para manter a gradación do viño, en Francia menos e na Alemaña máis. Entre grolos de café, un asistente á sobremesa de viaxeiros na propia terra conta o que lle aconteceu nun restaurante de Dor-mundt: probou o viño alemán ofrecido polo sommelier enmedallado, e cualificouno de cacholeiro para un colega galego. A cualificación asustou ó xefe da adega, quen preguntou pola procedencia dos clientes. Ao sabela comentou: «Isto non é para españois», e mandou cambiar a oferta inicial por un Bordeos seguro . Acertado cambio, apoian outros galegos vidos de Bruxelas a Belesar; porque o azucre chama pola aspirina. Non hai coma os viños da Península Ibérica. Nunca se lles bota azucre porque non fai falta. Pero alén dos Pirineos fanse distincións de con e sen . Na Alemaña, para evitar dores de cabeza cómpre procurar o Qualitätswein mit Prädikat . Logo de traducido o xermánico espanto a parola entra en significados, babelízase en cinco idiomas. E cando volve ao galego xa ficou claro que o francés é a lingua dos corredores do poder na capital da Unión; e o inglés, a das mesas de discusión. Por iso -manteñen no corazón de Galicia os funcionarios bruxelenses- o Aznar non ten sitio alá, «porque non fala de nada»; aínda que tentou a lingua de Hitler en calquera acto europeo e a xente morría de riso: o floco de cabelo negro, o bigote, o ton agudo da voz... Desde que hai Unión -conclúen- os presidentes de cada país debían ser elixidos imaxinándoos a presidila por quenda; ou, no futuro, como candidatos á presidencia estable. E ollo, que, se en Roma os papas sempre son italianos, en Bruxelas os presidentes poden ser sempre belgas.