IGNORAMOS o que dará de si o chamado Plan Galicia. Non hai satisfacción sobre o seu alcance -precisamente esquece á Costa da Morte- nin moito menos confianza no seu cumprimento. O que si sabemos é que responde a unha situación inédita porque non procede dun pedimento nin dun pacto de elites políticas ou económicas galegas, máis ou menos débiles, máis ou menos burlables polo seu enfeudamento secular co poder central, nin sequera das reclamacións dunha opinión pública con dificultades para facerse escoitar nos centros de decisión do Estado. Por primeira vez nos atopamos cun intento de resposta urxente a unha demanda colectiva da Galicia civil no sentido máis literal, fronte a un abandono que a marea negra puxo dramaticamente en evidencia. En si mesmo, o Plan é un recoñecemento dos déficits históricos en infraestructuras e da ruindade con que foi tratado este país. Mesmo fai lembrar de inmediato pasados enganos e incumprimentos ao respecto de superportos, autoestradas, camiños de ferro e outras andrómenas. A promesa, por exemplo, da doble comunicación cantábrica por autoestrada e AVE, á vez que pon en evidencia a lamentable desconsideración cara ese territorio ao que gostan chamar cornixa cantábrica -as cornixas son adornos prescindibles- fai lembrar que nada se avanzara dende que na década de 1920 se deseñara unha unión de vía estreita, só completada no decenio de 1970, que hoxe non ten senón significado turístico. Agora hai que saber se os deseñadores do Plan reparan na diferencia ou consideran, como os seus antecesores, que poderán calar con promesas evanescentes as débiles voces da Fisterra. ¿Serán conscientes de que nesta ocasión veñen de propor un contrato cunha sociedade que redescubríu a dignidade colectiva e que polo mesmo estará vixiante do cumprimento? Como demostrou o admirable Luis Tosar -noraboa- a expresión nunca máis gaña en polisemia. Tamén significará nunca máis promesas sen cumprir.