Amor á xente e ós libros

OPINIÓN

ALÁ POLO outono de 1949, Helen Hanff, unha descoñecida escritora americana, iniciou unha relación epistolar que se prolongaría ó longo de vinte anos cunha librería londinense, ubicada no número 84 de Charing Cross Road. Ó comezo limitábase a pedirlles libros raros, pero pouco a pouco pasou a unha relación máis persoal e íntima con encargado de envíar os pedidos; relación á que se foron incorporando outras persoas do entorno da librería. A americana mandaba de regalo paquetes de comida con carne, ovos en po para paliar as necesidades gastronómicas que o racionamento impoñía na capital inglesa. E os libreiros correspondían buscándolle as mellores edicións e regalándolle á sua vez libros esquisitos. Todos a invitaron a visitar Londres e lle ofreceron a casa para corresponder á xenerosidade da americana, pero ela gañaba en realidade moi poucos cartos con esporádicos traballos como guionista de televisión e só puido ir a Inglaterra moitos anos despois. Novela, teatro, cine O que lle permitiu viaxar foron aquelas cartas escritas á librería inglesa. Primeiro viron a luz en forma de novela, despois, como obra de teatro e, finalmente, como película interpretada por Anne Bancroft, no papel da escritora, e Anthony Hopkins no de Frank Doel, que xa para sempre terá a cara do actor inglés. Como a felicidade non é nunca completa, cando por fin pode ir a Londres, Frank Doel xa está morto e a librería pechada. Pero centos de lectores en todo o mundo manteñen viva a lembranza daquela fermosa historia de amizade e de amor ós libros. Helen Hanff viviu o resto da súa vida modestamente dos dereitos de autor do número 84 de Charing Cross Road. Non tiña familia e morreu nunha residencia para anciáns, pero ata ó fin da súa vida seguiu recibindo cartas de admiradores de todo o mundo que lle agradecían a súa marabillosa novela. Algunha vez a boa xente recibe a súa recompensa neste mundo.