Coma un buxo

OPINIÓN

A SEMANA pasada os medios de comunicación recollían a noticia referida á saúde de Manuel Fraga: «Fraga sufre un desfallecimiento cuando pronunciaba un discurso en Fitur», titulou La Voz de Galicia. Ó día seguinte, o presidente da Xunta aseguraba que mantería o seu ritmo de traballo porque estaba «coma un buxo». Ante tal afirmación, houbo quen por un segundo pensou nalgún animal ben rexo, pero Fraga resolveu o misterio diante dos xornalistas: «¿Sabe vostede o que é un buxo? Boj, el árbol más duro que hay». Buxo chámase tanto ó 'arbusto de follas perennes de madeira moi dura e compacta que medra con lentitude' como á 'madeira deste arbusto'. Pero en galego emprégase a frase «Forte coma un buxo» para referirse á 'persoa corpulenta que goza de boa saúde'. É frecuente que os falantes se sirvan destas comparacións para expresar superlativos absolutos: «Forte coma un buxo», «Agudo coma un allo», «Fresco coma unha leituga», «Amargo coma a xesta»... Derivada de buxo , xorde no galego buxaina ('xoguete de madeira de buxo que se fai bailar cun cordel chamado piola, ten forma cónica e redonda, e a parte inferior leva unha punta de ferro sobre a que baila máis ou menos tempo'). De aí a frase «Baila coma unha buxaina», isto é, 'que baila moi ben', ou a expresión «Parece unha buxaina», que se aplica á 'persoa de boa figura'. Da mesma familia léxica é buxa ('cada unha das boquiñas dos tubos da gaita galega'), como ben coñece Susana Seivane, quen titulou o seu último álbum Alma de buxo , porque con este material se elaboran os punteiros. falar.ben@lavoz.es