O Niágara de Belesar

OPINIÓN

03 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

INVERNO duro, granxas de vacas aterecidas. Chove, ameaza neve, e, cando o sol dá furado as nubes, refulxe a Galicia lucense, país agónico que encheu de apelidos Lisboa, Sevilla, Madrid, Barcelona e Buenos Aires. A viaxe é a Chantada, corazón do Impaís; os viaxeiros son ben lidos e a conversa segue sobre a tese dun antropólogo que nega a presencia de xente da Arabia na España musulmana. Musulmáns houbo -di el- pero africanos. Daquela, ¿por que tantos autores de Historia falan de incursións árabes en Coimbra ou Compostela? ¿De que caste era Almanzor o destemido? ¿A quen temían san Pedro de Mezonzo e Cresconio? A mouros, mestizos e conversos ao Islam. Pero de árabes, nada. Só a lingua, aínda que os soldados que arrastraron o alfanxe ata as selvas do Sil tal vez soubesen falar ladino . Quizais sexa máis doado converterse e desconverterse que mudar de fala: un viaxeiro mostra unha foto da revista Time ; nela, unha pancarta en Londres a pregoar que «O futuro da Gran Bretaña é musulmán». E se cadra, o da Galicia que se baleirou de xente... Inverno cruel. Chantada, vila no medio do nada. A Ribeira. Traballo secular para facer sitio ás vides entre fragas. Socalcos. Casiñas no precipicio. Muros, pedra labrada fronte a rochas bravas que provocan fervenzas. Melenas de auga e un nome que lembra o pasado imposible, submerso: Pesqueira , a que habería antes de ser feito o encoro de Belesar. Cánto afogou a cobiza enerxética. Cánto se sacrificou polo progreso. Cánta xente tivo que emigrar. Ceo toldado e auganeve. Nun punto das mil curvas paga a pena pararse e aturar frío para contemplar o aliviadoiro da auga que non pode conter a barraxe. Fuga curva e vaporosa, ten o seu de Niágara mínimo, artificial. Non é nada de Iguazú no esplendor dos trópicos. Pero fai pensar nas forzas terribles que moven turbinas ou arrasan cidades... Tras do furor branco, o remanso azul. Augas calmas do encoro. E un restaurante-refuxio onde se van catar viños novos.