CANDO, HAI quince días, fun a Fisterra para protestar, lin, por terceira ou cuarta vez na miña vida, as páxinas que un gran escritor inglés lles dedicou a algunhas localidades da Costa da Morte. Refírome a un clásico da literatura de viaxes, a George Borrow (1803-1881), autor de La Biblia en España , que eu leo e releo na prodixiosa traducción de Manuel Azaña. Son tres volumes, que, nesta traducción, subtitúlanse Viajes, aventuras y prisiones de un inglés en su intento de difundir las Escrituras por la Península . O viaxeiro deixounos, nesta obra, un documento magnífico sobre a sociedade española das primeiras décadas do século XIX. Excelentes, como estudio e como relato de aventuras, son os sete capítulos nos que conta as súas andazas por Galicia, capítulos nos que non escasean as observacións sobre o idioma galego, dignas de térmolas moi en conta se se sabe que Borrow era un home moi dotado para os idiomas, mesmo para os máis exóticos, como o manchú, que aprendeu, sen saír de Londres, en seis meses. Aínda así recoñece, na súa viaxe a Fisterra, que non entende a conversa do seu guía cos paisanos. Sebastián, o guía que contratara en Padrón, foi acusado, en Fisterra, de nubeiro , acusación moi grave entre os mariñeiros da Costa da Morte, pois os nubeiros -afirma un veciño respectado- «son eses demos que levantan as tormentas e afunden as lanchas». Para máis desgracia, o nubeiro este é de Padrón, terra -engade o mesmo informante- de ladróns e de borrachos. Estamos na Galicia do ano 1837, o ano en que George Borrow percorre unha boa parte do noso país. En Fisterra, a Sebastián, por nubeiro, queren fusilalo, tal é a xenreira que os responsables das desgracias marítimas suscitan entre as xentes que viven do mar. Horas despois, o alcalde de Corcubión libera ó amo, don Jorgito, e ó criado, Sebastián. Estupendo é o diálogo entre Borrow, propagandista bíblico, e o alcalde de Corcubión, lector devoto do racionalista inglés Bentham (1748-1823). Nesa conversa, o alcalde, «un pobre alcalde de Galicia», repróchalle ó defensor da Biblia, moi educadamente, que os ingleses aprecien tanto «ese libro estrafalario», «ese librote frailesco». En calquera caso, o alcalde de Corcubión non admite como acusación a de nubeiro e libera a Sebastián. O alcalde racionalista sabe que os barcos, cando se afunden, non son os nubeiros nin outra clase de bruxos os que os afunden. Agora, ante a catástrofe do Prestige , parece que o seu afundimento foi cousa de nubeiros ou algo así. Afundiuse o barco en circunstancias que as autoridades non foron capaces de prever ou de modificar. ¡Cousa de bruxos, de nubeiros! Os alcaldes da Costa da Morte, aínda os que non leron os libros de Bentham, saben que as cousas suceden, moitas veces, pola imprevisión ou a improvisación dos que en política culpan sempre, dos males, ós nubeiros.