Reclamacións claras

XOSÉ MARÍA LEMA

OPINIÓN

NO MES e pico que levamos coa catástrofe do Prestige , as disputas políticas do partido do Goberno e da oposición céntranse en limpa-la costa, evitar a entrada de novas manchas e nas axudas económicas ós afectados. De acordo que estes son agora os principais problemas, pero non se deben esquecer outros que, se non se deixan resolvidos agora, volveremos a estar na mesma e berrando ¡nunca máis, nunca mais! coma parvos ó cabo duns anos. ¿Por que a Plataforma Nunca Máis, que soubo canalizar a protesta cívica, ou outra plataforma calquera, non redacta un documento claro e conciso no que se recollan as principais esixencias do manifesto lido no Obradoiro por Manuel Rivas o 1 de decembro, e llo presenta a cada un dos partidos dos Parlamentos galego e español? Así nin uns nin outros andarán con medias tintas e teranse que pronunciar claramente se as aceptan ou non. Hai que aproveitar agora que parecen estar todos tan compunxidos pola catástrofe, a ver se efectivamente están Todos con Galicia , como din, ou é simple palabrería barata. Algunhas desas medidas coincidían coas Diez acciones para evitar otra catástrofe que se publicaban en La Voz o pasado 26 de novembro, e penso que hai unhas mínimas esixencias indispensables para que se nos compense por ese gran dano que se nos fixo. Condicións ás que por nada se pode renunciar, por exemplo, que Galicia sexa declarada dunha vez zona catastrófica; que a Axencia Europea de Seguridade Marítima se sitúe en Galicia; que se nos dote de verdadeiros dispositivos de salvamento, con buques anticontaminación e remolcadores axeitados. Quedan outras moitas esixencias, entre as que non se debe esquecer a depuración das responsabilidades. Loxicamente tamén haberá que reclamar que a industria galega reciba un bo incentivo cos encargos pertinentes para paliar esta profunda crise (caso da fabricación dos petroleiros de dobre casco, buques anticontaminación, etcétera). Por favor, redáctese ese documento xa e preséntese ós partidos, para que saibamos quen é quen e a ver se son tan sinceiros os pésames e palmadiñas no lombo que estamos tan afeitos a ver coas cámaras televisivas diante.