BEATUS QUI LEGIT
25 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.POUCAS PERSOAS máis admirables que Antonio Baltar Domínguez, santiagués que faleceu en Buenos Aires no ano 1970, ós 64 anos de idade. Era, en 1936, profesor de Histoloxía e Anatomía Patolóxica na Universidade de Santiago, e foi no verán dese ano cando fuxiu do terror fascista rumbo á Arxentina. Alí conviviu con outros ilustres exiliados, especialmente con Luis Seoane, «compañeiro da alma» e camarada en tantos ideais. Con el, con Rafael Dieste, con Otero Espasandín, con Lorenzo Varela... constituíu unha memorable tertulia no café Tortoni de Buenos Aires, daquela a máis alta cátedra de inquedanzas progresistas galegas do mundo. Naquel esclarecido cenáculo, a voz do doutor Baltar, humanista convencido da importancia da Economía para calquera proxecto cultural ou social, foi deseñando día a día un programa socioeconómico e científico para Galicia. Veu a Compostela en 1957 para expoñelo en privado, pero, tildado de comunista polos galeguistas do semiexilio interior e acosado pola Policía, retornou a Buenos Aires para nunca máis volver. Non sei se era comunista, pero cónstame que, no seu ideario moral e político, era un platónico, do Platón da República . Dígano as palabras que el mesmo proferiu en 1957 ante un auditorio de intelectuais galegos na emigración: «Ata o de agora non foron desmentidas nin superadas as previsións establecidas por Platón para os cidadáns que haberían de goberna-la república ateniense. Do que se trataba é de que eses cidadáns estivesen ben informados dos problemas do Estado e do Universo e de que a madereza de xuízo sobre eses problemas e sobre os homes, obtida no estudio e na cavilación, permitise adoptar sempre decisións xustas, equilibradas e sagaces. Platón asignaba tales decisións ós filósofos». ¿Qué diría Platón hoxe dos filósofos que gobernan a Costa da Morte? ¿Qué diría Antonio Baltar, o seu discípulo santiagués, el, que coñecía ben a Costa da Morte, que pateou, de mozo, con amor de biólogo e de patriota? Quen queira coñece-la resposta, lea as páxinas de Antonio Baltar, por primeira vez recolleitas en volume nunha recente publicación de Ediciós do Castro. Titúlase O compromiso do exilio e foi organizado por unha xove investigadora, María Díaz Rey. Dela é o estudio preliminar, hoxe por hoxe a última palabra sobre a vida e a obra de Antonio Baltar Domínguez. Hoxe Antonio Baltar, o médico e o home de ben, estaría ofrecendo a súa bondade e o seu saber en Muxía ou en calquera outro lugar da Costa da Morte sen que ninguén llo pedise. Estou convencido, tamén, de que ó final do seu longo cometido, cando fose, esixiría responsabilidades ós filósofos gobernantes que, antiplatónicamente, non adoptaron, nos momentos axeitados, «decisións xustas, equilibradas e sagaces». No volume de Antonio Baltar que suscita estas notas miñas de hoxe, hai unhas breves reflexións sobre a caza e os cazadores, deporte de señoritos intolerable en tempos de catástrofe, sobre todo se a catástrofe afecta, especialmente, ós que non son señoritos , porque as estreitezas -opina o noso humanista- nunca alleas a un territorio físico, sempre pertencen a unhas determinadas clases sociais.