Picasso volve á Coruña

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

OPINIÓN

FOI NA CIDADE coruñesa onde Pablo Ruiz Picasso naceu ó mundo do arte. Agora volve con amosas dos seus primeiros debuxos xurdidos nela. E, sobre todo, cunha escolma da obra que o consagrou como figura universal. A exposición patrocinada pola Fundación Barrié de la Maza reactualiza na Coruña ó xenial creador que deu aquí os pasos iniciais dunha longa, vizosa traxectoria. É momento de lembrar que Picasso foi un fenómeno de suxestión colectiva. Non xa verbo dos interesados polos problemas do arte. Tamén dos profanos alleos a tais cuestións. Do seu feitizo teñen participado os exésetas informados e o público ignaro do movemento artístico. As exposición picassianas foron e seguen a ser verdadeiros acontecimentos. Ven á nosa memoria a celebrada en París no Museu das Artes Decorativas, o ano 1956. Xunto co pintor Manuel Colmeiro, contámonos entre as duascentas mil persoas que a visitaron. Rememoramos aqueles días nos que gozamos, admiramos ámbolos dous a obra exposta en repetidas visitas. Preguntabamonos como se explicaba a curiosidade tan xeralizada por un arte que non era doado abordar. Como se xustificaba a gloria universal dun home que nin era estrela de cine, nin xefe de Estado, nin astronauta. Concluíamos que se trataba dun enigma da nosa época que inducía a meditar. A producción picassiana impúñase entre nós pola súa forza revulsiva. Arrincando do impresionismo, o gran artista tiña orientado a súa óptica cara a dúbida e o revisionismo do seu tempo. O inconformismo viña ser a súa guía. Un pintor, amigo de Colmeiro, que nos acompañou nunha das visitas, dicía que na forma atopara ese inconformismo no Greco e en Toulouse-Lautrec. No fondo, no miserabilismo da rúa; nos pobres, nos eibados, nos borrachos. Saíamos un serán da exposición e do museu. Encamiñámonos, tamén da man de Colmeiro, o café Select. Xuntábase, en tertulia, un grupo de artistas. Falando da obra do expositor, lembrábase a frase picassiana, que «hai que comezar por algo». Ese algo era o cubismo, o xigantismo ingresco, o desartellamento facial, o mudacionismo. Un xeito característico de Picasso era o de comezar, comezar arreo. Descobrir novos elementos, remozalos. Depoñelos e volvelos tomar, combinándoos, comentándoos, infundíndolles unha nova dimensión. Picasso demoeu, e a partir de aí suscitou unha presencia nova. Foi o que induciu a imaxinar outro touro, outra guitarra, outra botella... Con motivo da exposición coruñesa, véñennos á acordanza estas impresións parisinas. Tamén a de que no total da obra cada cadro representa un elemento do conxunto. Por iso resulta azaroso examinar a Picasso parcelado. Pensamos que todo xuízo demanda un recuamento no tempo, require unha perspectiva. Así o entenderon, quizais, os promotores da mostra herculina, ó presentar a obra picassiana en importante exposición retrospectiva. Nela reflíctese o resultado dunha vida enteira, longa, lúcida, consagrada a desentrañar fundamentos. A derrubar con teimosía, co fin de refacelo todo.