Charlot en Monforte

OPINIÓN

CADERNO DE VIAXE

14 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A VIAXE iníciase xunto do Arteixo, río que dá nome a concello industrial e morre feito cloaca na praia de Alba, desde a que se contemplan as illas Sisargas. E remata á beira do río Cabe, que atravesa Monforte de Lemos, vila histórica e ferroviaria. A autovía marca cores de outono galego, verdes esmeraldinas cando bate o sol entre ocres de carballeda e verdinegras de piñeiral montañés. Pasada Nadela enfíase estrada cara ao sur e a beleza aumenta ata que preto de Sarria os viaxeiros piden ao conductor parar. Ás vistas de clorofila e bronce súmanse brancos: no inmediato, o marfil das ovellas; no lonxe, o azulado das neves a recortaren horizonte. ¡Oh, belísima Galicia, grande país, pequeno e único! -Hoxe -afirma un ocupante do coche- somos só palabra banal en boca de casteláns á greña polo poder de Madrid. ¿Qué lles importa o noso a eses trapallas? «Trapallas»: a palabra resoa no habitáculo mentres se fai silencio para escoitar a radio, que non pode mentir; que describe infinitas fraccións da peste que os percebeiros de Malpica non dan arrincado. Cando acaba o informe dos horrores negros outro viaxeiro opina: -Nos séculos dos veleiros, a diferencia entre a mariña española e a inglesa era que, cando un buque se perdía, os ingleses sempre facían consello de guerra ao comandante e os españois, non. Porque normalmente estaba de Deus perdelo... Hoxe España vai a pique e só importa o Dépor-Manchester. En Monforte, lugar de «porto seco», a conversa comeza por roteiros terrestres, afastados da traxedia de petrobosta das rías que aínda fican por morrer. Pero logo entra no mar, porque Galicia existe como tribo superior e os seus habitantes conciben o Impaís completo. Así xorde a anécdota do cativo monfortino que non quere volver á praia dos avós na Ferrolterra: -Está negra, mamaíña -insiste-. Dáme medo. Anda amoucado e preocupa os pais porque chega a atender á entrevista pactada na TVE, e fai resume: Ese home parece o das películas vellas. Para o neno seica vellas son as -mudas- de Charlot.