A FRASE non é miña, senón de Alberto Oliart, ex-ministro da UCD e persoa con experiencia na xestión pública. Nunca o Estado estivo tan mermado de recursos, nunca tan débil e tan enfraquecido coma nestes tempos. O que estamos a vivir (e a padecer) non é unha anécdota, nin debemos entendelo como un caso extraordinario, senón a expresión (tráxica) dun modelo político perfectamente calculado que se cadra (oxalá) empeza a tocar fondo e que cómpre, xa que logo, empezar a corrixir. A semana pasada falei aquí dun barco, o Punta Fisterra , que leva anos atracado nos peiraos de Vigo sen a máis elemental asignación de mantemento. É o chamado déficit cero . Cando quixeron poñelo a andar, apurados polas circunstanias, non podía moverse. Está inservible. En Tarragona acaban de descubrir que o sistema de vixilancia das costas está inutilizado polas mesmas razóns. Por alí non pasou o Prestige . Tocounos a nós. Entra unha pulmonía e non hai para aspirinas. Primeiro foron as privatizacións das empresas públicas. Coa privatización (que ás veces é unha venda descarada de patrimonio) consíguense dúas cousas: quitar de enriba o compromiso de xestión e mantemento, distraer responsabilidades cara a outros ámbitos (a responsabilidade privada) e de paso, cando é posible, fornecer de ingresos as arcas públicas: ingresos extraordinarios que, xunto cos procedentes dos fondos da UE, conseguiron ir vestindo de exitosa xestión os últimos anos da nosa economía. España vai ben. A xente sente que se fan cousas (aireadas por eficaces mecanismos de propaganda). Os números, aparentemente, cadran. Segunda medida: reducción de mantemento e de recursos de prevención. Non hai remolcadores. Os remolcadores pertencen a compañías privadas, que negocian os contratos en plena crise (e alguén llelo consinte). ¿Quen fala de investir nun Observatorio Atlántico de Vixilancia ou nun Plan de Prevención Estable? Non se trata de casos isolados. O modelo afecta a todo: a sanidade, o sistema educativo, as universidades, a Seguridade Social, a seguridade cidadá, as pensións, a política de infraestructuras, o medio ambiente, a enerxía... Privatizouse Campsa e privatízanse agora as eléctricas. ¿Baixaron por iso os prezos dos combustibles? Non. ¿Melloraron os servicios? Tampouco. ¿Que pasará cando cheguemos ós hospitais e non haxa camas para unha necesidade? As universidades carecen de recursos económicos para a investigación de base (que non é igual cá investigación aplicada que se pode concertar con empresas privadas). O I+D esmorece, porque a rendibilidade dos investimentos non se ve a curto prazo, que é a filosofía de fondo que domina. En Italia, os rectores das universidades presentaron en masa a súa dimisión en desacordo coa política de Berlusconi. ¿Por que? Porque non teñen para folios, coma quen di, e aquí en calquera momento pode suceder o mesmo. Non se trata de facer demagoxia, hoxe menos ca nunca. Estamos nunha situación de emerxencia. Compren actuacións inmediatas, a curto prazo. Pero a cuestión de fondo é o modelo sobre o que estamos instalados (modelo español e modelo europeo, aguilloado polos intereses estratéxicos norteamericanos). O modelo liberal de crecemento económico fundaméntase na dictadura do mercado libre, na acumulación sistemática de beneficios e na eliminación progresiva dos controis públicos, que ata agora viñan sendo a garantía do necesario equilibrio social, imprescindible para calquera planteamento xusto e de futuro. Tal era o modelo do Estado do Benestar que viña configurando Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Este modelo está a ser dinamitado. Cabe a esperanza de que alguén empece a decatarse do que está pasando.