XOSÉ CARLOS CANEIRO
04 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.ENTRE miserables podemos falar cara a cara, mirándonos, devolvendo caricias sen marea negra, sen cormoráns feridos de fuel, sen cazadores de corzos, sen políticos encantados da súa xestión primorosa. Entre miserables podemos querernos pel con pel, como se o amor fose un acto necesario e perpetuo. Acaricio, pois, a túa pel Costa da Morte. Os teus brazos de vento cortados pola daga da incapacidade e da mentira. Acaricio os labios do mar coa miña lingua de perdido, sen dádivas, mirando só con mágoa este Noroeste accidentado entre os dedos do az(n)ar. Acaricio todos os anos que pasaron e perdemos, país, meu país de tópicos: Galicia non protesta, emigra (en Madrid lo repiten estos días, y yo digo no, maldita sea). Acaricio aos voluntarios que dan leccións máis importantes que todas as súas leis, señora Del Castillo. Acaricio aos que choran comigo mentres no fondo dunha botella de viño miramos o rostro dos pescadores que non poden pescar. E abrazo o seu corazón con rabia. E quero máis que nunca este trozo de terra verde. Acaricio o teu afán suicida. Acaricio a liberdade de que sigas votando o que ti queres votar. E, finalmente, acaríciote a ti, Santiago patrón de nós, único que nos podes salvar de tanta e tanta miseria.