Carnota vive en Canarias

OPINIÓN

29 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A SEÑORA María foi a última da estirpe. Xente de mar. Sete xeracións. Desque ela marchou, a casa está cerrada, as cortiñas a monte e xa ninguén sacha na leira. A chalana varárona os fillos dez anos antes. O máis vello emigrou no 83. Logo foron os outros. Antes a xente ía para Venezuela, Arxentina, os Estados Unidos... Dun tempo para acá o destino principal son as Canarias. Camareiros e operarios na construcción. É onde máis pagan. O concello de Carnota tiña en 1991 arredor de 7.600 habitantes. Agora ten 5.600. Dous mil habitantes menos en dez anos representa unha perda de case que o 25% da poboación. Dende o ano 2000 para acá emigraron neste concello 300 persoas. E a tendencia continúa. Camariñas, Cee, Corcubión, Umbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía... O triángulo que vai de Muros a Malpica, cun vértice en Negreira ou Santa Comba, é unha das zonas máis deprimidas de Galicia. Atrasada no desenvolvemento económico e nas comunicacións, na planificación estratéxica e nas infraestructuras. A banda costeira, que é a que mellor se defende, vive practicamente do monocultivo da pesca e do marisqueo. Arredor de 150 ou 200 mil habitantes, entre os concellos costeiros e os do interior. Fisterra ten 5.200. Muxía, 7.500. Cee, 5.700... A noticia é que a señora María morreu nas Palmas e os fillos soterrárona alá, non a trouxeron. Alá estaban tamén as noras e os netos, e algúns veciños, e outros parentes. Ó principio viñan nos veráns. Algúns seguen viñendo, porque a casa segue aquí, os marcos das terras seguen no sitio, hai que mirar por eles. Pero ela xa ía maior, non estaba para moitas voltas, as viaxes cansábana e, cando faleceu, quedou alí. Mercaron un nicho e puxéronlle unha placa: familia Lorenzo. Cando un paisano merca un nicho é cando realmente se produce o desgarramento, as raíces esmorecen, rómpese o discurso da memoria, desaparecen as referencias. Non é un caso isolado. Antes que a Canarias a xente, sempre que podía, marchaba para os Estados Unidos. Primeiro ía un e dende alí chamaba polos outros, coma ramos de cereixas. Hai unha poboación importante instalada xa doutro lado do océano. Algúns mesmo entraron ilegais, pero logo foron arranxando os papeis, abriron pequenos negocios, mercaron casas, crearon familias... Durante un tempo, na xeración inmediatamente anterior, coma os que ían para Alemaña ou Suiza, as mulleres viñan parir á terra e logo mandaban os fillos para que se criaran onde se criaran eles. Pero os avós foron facéndose vellos, e os fillos arraizaron (socializáronse) na outra extrema do mundo. ¿A qué volver? Quedan as leiras, o cortello sen tellas, a chalana... Velaquí o retrato dunha parte importante do país. A catástrofe do Prestige , que non é a primeira, bate nun corpo social castigado que, desgraciadamente, só nestas ocasións aparece nas crónicas e nos telexornais. Andan as televisións europeas a descubrir as terras da fin do mundo. Cámaras e reporteiros alemáns, holandeses, ingleses, franceses a dar conta da noticia. Pasará o día e pasará a romaría. Pasarán os discursos e as axudas económicas que agora se anuncian. ¿Qué quedará despois? Esta é a cuestión de fondo. Unha sociedade existe cando ten futuro e ve por diante un horizonte no que crer. Doutro xeito, se estiña e sucumbe. Renuncia. Aquí é onde hai que actuar. Aquí é onde está o problema. Esta é a verdadeira marea negra.