CANDO ERA un adolescente, foi detido e enviado á cadea. Tiña 19 anos e os seus ollos agachaban toda a forza das súas conviccións. Desde entón pasou 24 longuísimos anos como prisioneiro político en cárceres marroquís, converténdose no preso político africano que, logo de Nelson Mandela, máis tempo permaneceu en prisión. En 1980 foi condenado a morte, pena que lle foi conmutada por cadea perpetua en 1994 logo de realizar tres folgas de fame. Chámase Mohamed Daddach, é saharaui, e recuperou a liberdade aos 45 anos. Hoxe máis que nunca, os seus ollos seguen a transmitir a forza das súas conviccións. Precisamente por iso, Mohamed Daddach acaba de recibir na fermosa cidade de Bergen, Noruega, o Premio Rafto de dereitos humanos. Con ese motivo, e tras unha forte presión diplomática noruega, o goberno marroquí concedeulle a Daddach un pasaporte para poder recoller o premio. O Parlamento Noruego ofreceulle unha recepción retransmitida pola televisón. Na cidade de Bergen, que arrecende a salmón, Daddach está a probar o sabor da liberdade. Estes días, en Noruega, logo de 27 anos, puido abrazar á súa nai, que vive nos campos de refuxiados de Tinduf. Daddach é un exemplo máis das continuas violacións dos dereitos humanos que o estado marroquí leva a cabo no Sáhara Occidental, denunciadas por numerosas ONG como Amnistía Internacional ou Human Watch Rights. O testemuño dos presos políticos saharauís resulta estarrecedor. Eu tiven ocasión de coñecer a varios, entre eles a Daud El Khadir, 15 anos «desaparecido» en varias prisións marroquís, algunhas clandestinas (non recoñecidas oficialmente). Daud sufriu todo tipo de torturas en cárceres e centros de detención. Este é o seu testemuño: dez presos, espidos e famentos, convivían en celdas de catro metros soportando insultos, ameazas, descargas eléctricas, días e noites enteiras sen durmir, por veces obrigados a inxerir esponxas cheas de lixivia, por veces atados de mans e pés mentres maltrataban as mulleres na súa presencia, sometidos a impías desregularizacións alimentarias... Todo un clima de terror que anuncia o xeito en que a corona marroquí desexa integrar o Sahara no reino alauíta. O Premio Rafto é un xustísimo recoñecemento á traxedia destas persoas, pero nada poderá nunca reparar o seu sufrimento.