A EDITORIAL Galaxia acaba de publicar un libro moi importante, que moitos, entre eles eu, esperabamos que fose máis importante, moito máis importante aínda. Trátase das memorias de Ramón Piñeiro, Da miña acordanza , das que o autor só escribiu o primeiro capítulo; o resto son conversas con Carlos Casares -horas e horas de gravación- das que este volume só ofrece unha parte. Ninguén mellor que Casares para tirarlle da lingua a Piñeiro e ninguén mellor ca el para seleccionar e editar ese inxente discurso oral. Agora ben, a personalidade de Piñeiro foi tan decisiva na configuración do discurso político-cultural de Galicia (sobre todo entre 1948 e 1964), que cómpre, canto antes, ter acceso a moitas das horas de gravación non recolleitas nesta edición. O propio Casares, editor -tamén no sentido inglés- das conversas para estas memorias, recoñece no prólogo: «... este libro dá unha imaxe bastante exacta, aínda que incompleta, de cómo foi a vida e a obra de Ramón Piñeiro... ». Eu creo que moi incompleta. Aínda que nestas memorias o capítulo 3 se titula A guerra , só dedica catro páxinas á súa situación de combatente no exército de Franco, no que se alistara, preceptivamente, cos mozos da súa quinta, «que era a mellor maneira de salvar a vida naquelas circunstancias», aclara Piñeiro. Boto de menos que Piñeiro, tan inquisitivo como pensador, non faga unha reflexión -extensa e intensa- sobre a súa condición de soldado no bando rebelde, de soldado que combate a legalidade republicana que defenden, na España leal, amigos e camaradas seus (Castelao, Carballo Calero, Ferro Couselo, Rafael Dieste...). Non sei se Casares lle fixo algunha vez unha pregunta, para min, elemental: «Ramón, ¿nunca tivéche-la tentación de pasarte ás filas republicanas?». Sabido é que moitos outros o fixeron. Coñezo -e sempre admirei- o diamante moral en que consistía o espírito de Ramón Piñeiro, razón pola cal boto de menos, nestas memorias, unha longa reflexión sobre a súa condición de soldado -franquista polas circunstancias- impelido a empuña-lo fusil contra Castelao e Carballo Calero, compañeiros de ideal. Home de tanto rigor moral, ¿nunca pensou en cambiar de trincheira? No capítulo 3 citado, hai un momento no que Piñeiro conta que foi invitado por uns compañeiros a pasarse ó outro lado . Piñeiro aduce que non se daban as condicións técnicas axeitadas, no que tivo razón, pois a fuga daqueles inexpertos fracasou, pero en ningún momento temos noticia ou indicios de cál era a actitude real de Piñeiro. Que Ramón Piñeiro non era franquista e que nunca o foi, é algo que está moi claro, pero o lector destas memorias non sabe o que el pensaba da República do Frente Popular en guerra, un Frente Popular comprometido, manu militari , coa defensa da República agora asaltada polo clericalismo, o militarismo e o capitalismo español, como dixo Castelao.