Soños políticos

LUISA CASTRO

OPINIÓN

29 oct 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A OUTRA NOITE soñei con Xosé Manuel Beiras. Soñei que eramos amigos e que nos atopabamos nunha rúa pouco transitada. El ía con cara de despistado. Ía inmerso nos seus pensamentos, pero parouse cando me veu. -Hola, hola, ¿como estás? Non souben que contestarlle, porque nos soños pasa iso, que cando te paran nunca sabes nin como estás nin de onde ves. Beiras, aproveitándose da situación, colleume do ganchete e camiñamos xuntos un bocado. Agradábame esa mostra de confianza, e deixeime levar. Beiras entón contoume que viña de mirar un terreo que acababa de herdar, ó pé duns acantilados, e que estaba moi contento. Levoume ata alí para enseñarmo, e notábaselle a fachenda, coma se desde neno estivera soñando con aquel xoguete. -É que somos moitos irmáns -díxome-. Nunca pensei que meus pais me foran deixar a min precisamente isto. A finca era preciosa. Unha grande extensión de verde con distintos niveis, e co mar batendo ó pé. -Ser é preciosa, a pena é que non é construíble -lle dixen, máis por facerme a entendida que por augarlle a festa. Pero Beiras non contestou. Quedouse mirando ó horizonte cos ollos emocionados, co vento na cara, e logo reaccionou: -Tanto tén, é tan fermoso que aínda que puidera construír non sabería que facer nel. É o mellor cacho de toda Galicia, seino ben. Ante aquel entusiasmo non souben que dicir. Quedei parada ó seu lado contemplando aquela beleza pola que Beiras xa camiñaba como dono e señor. -Quitar non mo quita ninguén. É meu. Déronmo meus pais. Deixeino alí soñando e eu funme camiño do espertar e atopeime con miña nai. Miña nai sempre se me aparece ó final dos soños, é a que se encarga de espertarme. -¿E que fas por aquí de soñona? -me dixo-. ¿Non tiñas que estar traballando? Nese mesmo instante, empecei a levitar. Os pés erguéronseme do chan e comecei a voar. -Anque queira non poido -díxenlle-, ¿non ves como voo? Dinme conta entón de que miña nai manexaba nas súas mans un fío moi delgado, que ía soltando conforme eu máis voaba e máis me alonxaba. Eu era un papaventos nas súas mans. -¡Sóltame -berrei-, que non quero chegar tan alto! Pero miña nai soltoume e eu perdínme coma un globo na inmensidade. Desde alí nen sequera a finca de Beiras parecía grande. -Es ti -berrábame miña nai desde o chan-, es ti a que voas, a culpa non ma botes a min. A ollo de paxaro, dende aló arriba vin oficinistas atarefados, constructores afanados, conselleiros maleducados e secretarios impresentables, e xoves pluriempregados e descontentos, talentos desperdiciados, simpáticos e groseiros arribistas e mulleres sen duchar por falta de tempo. Todos atados curto e todos maltratados. Todos cun gran secreto no peito: gañar vinte pesos máis para comprar algún día un terreo propio no vertedoiro nacional, un terreo construíble no que poder podrecer a xeito, un terreo indigno que poderlle deixar ós seus fillos.